O Concello de Narón levou a cabo un simulacro de emerxencia no edificio consistorial, no marco das tarefas de revisión do seu Plan de Autoprotección.
O exercicio desenvolveuse entre as 11.00 e as 12.00 horas e consistiu na simulación dun incendio na planta baixo cuberta do inmoble de sete alturas. A situación obrigou á activación do Plan de Autoprotección, resolvéndose co confinamento da sexta planta e a evacuación do resto do edificio.
No operativo participaron, ademais dos equipos internos de emerxencia, efectivos da Policía Local, Protección Civil e o Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón, que coordinaron as tarefas de desaloxo e control da incidencia. Este simulacro enmárcase no proceso de actualización e mellora do Plan de Autoprotección municipal, que incluirá tamén a realización de xornadas formativas dirixidas ao persoal do Concello.
O obxectivo destas accións é reforzar a capacidade de resposta ante posibles emerxencias, avaliar a toma de decisións en situacións de risco, validar os protocolos de actuación e capacitar os equipos designados para actuar durante a emerxencia.
Desde o Concello subliñan a utilidade deste tipo de exercicios para garantir a seguridade nun edificio con elevada afluencia diaria, ao tempo que agradecen a paciencia e comprensión da veciñanza, tanto das persoas que puideron verse afectadas polas restricións de acceso como das que participaron indirectamente no desenvolvemento do simulacro.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

