O teatro Colón acolleu a cita, presentada por Susana Pedreira e Xoán Fórneas e coa actuación de Caamaño&Ameixeiras, onde se entregaron os premios ás persoas e proxectos gañadores dos certames culturais convocados polo departamento provincial de Cultura durante o último ano.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, incidiu en que a cultura «xera emprego, actividade e futuro», cun sector que representa ao redor do 3% do PIB galego e máis de 35.000 postos de traballo.
A deputada de Cultura, Natividade González, reivindicou a cultura como un dereito fundamental e como unha ferramenta de transformación social, cohesión territorial e progreso colectivo.
O teatro Colón acolleu a V Gala da Cultura da Deputación da Coruña, unha cita que converteu un ano máis o escenario nun escaparate do talento e da diversidade da creación cultural galega. A gala, centrada nesta edición na sorte como parte da identidade cultural galega e inspirada nos sanandresiños de Santo André de Teixido, estivo presentada pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, e contou coa actuación musical de Caamaño&Ameixeiras.
Encabezaron a representación da corporación provincial o seu presidente, Valentín González Formoso, e a deputada de Cultura, Natividade González, compañados doutros deputados.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a importancia de apoiar o talento, tanto na educación como na cultura. Puxo como exemplo a historia de Rosa Crujeiras, a nena dunha pequena escola rural de Artes á que lle chegaron a dicir que con saber «as catro regras era suficiente», e que hoxe é a primeira reitora da Universidade de Santiago nos seus máis de 500 anos de historia.
Subliñou que historias coma esta «fannos reflexionar sobre a importancia de non poñer límites ao talento polo lugar no que nace unha persoa». «Durante moito tempo, a moita xente dixéronlle até onde podía chegar. Desde a Deputación queremos facer xusto o contrario: abrir oportunidades, detectar o talento e acompañalo para que poida desenvolverse con liberdade en calquera recuncho da provincia», afirmou.
Formoso destacou tamén que os Premios da Cultura responden a ese mesmo obxectivo, ao «visibilizar o talento, apoiar a creación e ofrecer unha oportunidade a quen está comezando», lembrando que «moitas traxectorias comezan cun impulso a tempo, como aconteceu con Isaac Díaz Pardo, que comezou a súa carreira artística formándose en Madrid grazas ao apoio da Deputación».
O presidente incidiu en que a cultura «xera emprego, actividade e futuro», cun sector que representa ao redor do 3% do PIB galego e máis de 35.000 postos de traballo, e remarcou que «levala a todos os concellos significa garantir igualdade real e permitir que cada persoa chegue tan lonxe como lle permitan o seu esforzo e o seu talento».
Natividade González reivindicou a cultura como «un dereito vivo, conectado coa realidade, que non pode entenderse separado da vida da xente», e defendeuna como «unha práctica social viva, compartida» que contribúe á transformación social e á construción de identidade colectiva. A deputada de Cultura destacou que a gala «permite recoñecer o talento e a creatividade artística en moi diferentes campos» e puxo en valor o papel das persoas premiadas como exemplo «dunha cultura que nos constrúe como pobo, que nos conecta coa nosa lingua, coa nosa memoria e coa nosa maneira de estar no mundo».
A responsábel provincial subliñou ademais que «non hai futuro para Galiza sen cultura» e reafirmou o compromiso da Deputación da Coruña cunhas políticas públicas que «sitúen a cultura no lugar que merece: no centro da vida». González defendeu tamén a cultura galega como «un valor no mundo global» e reivindicou con orgullo «a nosa lingua e a nosa singularidade como pobo».
Proposta artística
Os sanandresiños de Santo André de Teixido foron os grandes protagonistas da proposta estética e escenográfica da gala, como símbolo da sorte e da tradición popular galega reinterpretada en clave contemporánea. A súa presenza marcou a ambientación do escenario e os elementos visuais do evento, e estendeuse tamén á fachada do Teatro Colón, decorada durante os días previos como parte da intervención artística vinculada á celebración.
Premiados
Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero: Mala Herba Producións (modalidade iniciativa) e Illa Bufarda (modalidade traxectoria).
Premio Luis Seoane de Deseño: D-Due.
Premio José Gil de Cinema en Galego: Ángela Andrada (guión de longametraxe de ficción en lingua galega), Borja Casal Fraga (guión de longametraxe documental en lingua galega) e Margarita Ledo Andión (traxectoria).
Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica: Regina Giménez.
Premio Luis Ksado de Creación Fotográfica: Juan de la Quintana.
Certame de Arte Isaac Díaz Pardo: Ana Gesto Beiroa.
Premio Torrente Ballester de Narrativa: Estro Montaña (modalidade lingua galega) e Pablo Escudero Abenza (modalidade lingua castelá).
Premio Castelao de Banda Deseñada: Manuel Barreiro e Elías Taño (modalidade xeral) e Giovanna Lopalco (modalidade infantil e xuvenil).
Premio Manuel Murguía de Ensaio: Xosé Manoel Núñez Seixas.
Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil: Antía Yáñez Rodríguez.
Concurso Quero Cantar: Gael Ares (categoría infantil) e Emma Pérez e Candela Caamaño (categoría xuvenil).
Premio Internacional Andrés Gaos de Composición Musical: Aitor Vázquez Torres (modalidades orquestra e ensemble)
Concurso Fran Pérez ‘Narf’ para grupos e artistas musicais: Belém Tajes.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
