O Castelo de Narahío presenta o cartel e o programa da XXXI edición do Festival do Río Castro

Será a partir das 13:30 horas no bar Eladio, no lugar do Eirexado, coa actuación da coral poliafónica do Aturuxo de Melpómene. A presentación irá precedida dunha ruta cultural guiada polo arqueólogo Eloi Saavedra  que comeza no castelo ás 10:30 horas.

Auturxo de melpomene-bar Eladio

A Asociación veciñal O Castelo de Narahío presenta este sábado 30 de maio o cartel e a programación musical da XXXI edición do Festival do Río Castro, que se celebra no lugar da Bóla o primeiro sábado de xullo. Como vén sendo habitual nos últimos anos, a entidade vai alternando as presentacións entre as dúas tabernas que aínda funcionan na parroquia, e nesta ocasión a cita será no bar Eladio, no Eirexado.

A partir das 13:30 horas alí daranse a coñecer o deseño do cartel, obra do artista gráfico Juanlu Nacha, así como as actividades e os grupos que compoñen o programa desta 31ª edición. A presentación contará ademais coa actuación da Corral Poliafónica do Aturuxo de Melpómene. A sesión vermú incluirá petiscos coas consumicións e continuará durante a tarde cunha foliada libre. 

Porén, a xornada comezará xa pola mañá. Ás 10:30 horas iniciarase ao pé do castelo de Naraío  unha ruta cultural e ambiental de balde, guiada polo arqueólogo Eloi Saavedra, que rematará na igrexa parroquial, coincidindo co inicio da sesión vermú.

Durante o percorrido, as persoas participantes saberán do pasado da fortaleza medieval de Narahío, que tras numerosos estudos e traballos de consolidación segue gardando para si as certezas sobre as súas orixes.

Tras percorrer os seus muros e a torre principal co relato de contextualización histórica de Saavedra, o percorrido continuará uns metros máis abaixo, onde se atopa a fervenza e a central hidroeléctica, voada polo maquis nos anos corenta do século pasado.

Auturxo de melpomene-bar Eladio

A ruta proseguirá despois río abaixo pola beira norte do Castro. Un itinerario que aínda hoxe mostra exemplos de polo menos seis muíños tradicionais e que, ademais, permitirá descubrir diversos elementos do patrimonio etnográfico, como casas de labranza, hórreos ou a ponte medieval da Ferraría co seu porco de pedra.

A ruta rematará no templo parroquial de Santa María, un dos máis antigos da comarca -algunhas fontes sitúan a súa fundación no século IX-. A igrexa garda tumbas coa heráldica da familia Pita da Veiga, unha espectacular bóveda nervada e un retábulo de grande valor artístico, tras do que aínda se conservan ocultas pinturas ao fresco, posiblemente dos séculos XVI ou XVII.

Para participar neste percorrido cultural e ambiental non fai falla inscrición previa, abonda con estar o sábado ás 10:30 horas no castelo de Naraío. Desde a asociación infórmase ademais de que ao finalizar a ruta se coordinará o transporte para recoller os vehículos que quedasen no punto de inicio.

Eloi Saavedra

Arredor de 20.000 euros de orzamento e colaboración municipal
O Castelo de Narahío prevé un orzamento próximo aos 20.000 euros para a organización do XXXI Festival do Río Castro, unha contía que a entidade conta cubrir con recursos propios e mediante unha achega nominativa do Concello de San Sadurniño por valor de 6.500 euros. O consistorio tamén facilita a actuación Corral Poliafónica do Aturuxo de Melpómene a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Ademais, a Deputación da Coruña aproveitará o tirón do festival para seguir dándolle difusión á campaña de Turismo “A paisaxe que sabe”, e, de maneira indirecta, O Castelo tamén contará coa colaboración da Cooperativa de Meirás de Consumidores e Usuarios, que contribúe a sufragar outras actividades desenvolvidas pola asociación ao longo do ano. 

Lea también

El escritor ferrolano Héctor J. Castro publica su nueva novela, ‘Los que pudieron reinar’

‘Los que pudieron reinar’ la nueva novela histórica del ferrolano Héctor J. Castro  acaba de …