As accións forman parte do Plan Municipal Mellora.
No marco do Plan Municipal Mellora, o Concello de Valdoviño organiza dúas novas accións formativas: os cursos de cociña básica e avanzada e de operacións forestais. No primeiro caso, serán 200 horas -80 teóricas e 120 prácticas en empresas-, e no segundo, 80 horas no seu conxunto, nas que se abordarán e practicarán desbroces, traballos con motoserra e ligados á froiticultura.
Tras cubrir prazas coas persoas derivadas polos Servizos Sociais Municipais, aínda quedan algunhas vacantes, co que o Concello abre inscricións para aquelas persoas que,estando en situación de desemprego, desexen participar. Neste caso, tan só teñen que chamar ao departamento municipal ao 981 48 70 41 ext.5 e formalizar inscrición no rexistro municipal da casa consistorial.
O curso de cociña arrinca este luns 20 de abril, e a parte teórica desenvolverase ata o 12 de maio, en horario de 9:30 a 14:30 horas de luns a venres. Posteriormente realizarase a parte práctica. O curso de Operacións forestais iníciase o luns 27 de abril ata o 20 de maio, en horario de 09:00 a 14:00 horas de luns a venres.
Estas dúas accións do Plan Mellora 2026 comparten o obxectivo de ampliar, a través da formación, as oportunidades de inserción laboral de veciños e veciñas en situación de desemprego e risco de exclusión social. O programa conta cun orzamento próximo aos 15.000 euros, que o Concello cofinancia con cargo ao POS+Adicional da Deputación da Coruña.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
