Na obra, editada por Galaxia, aborda a historia de miles de republicanos que fuxiron de Franco para caer nas mans de Hitler.
O escritor e investigador Juan Galán presentará este venres en Valdoviño «Rotspanier. Un miliciano galego no exilio francés 1939 1945». O acto comezará ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal, con entrada libre, e inclúese no programa municipal de actividades de recuperación da memoria democrática co que colabora a Deputación da Coruña.
A obra de Galán, editada por Galaxia, recolle a peripecia vital de Joaquín Fernández Millán, mariñeiro de profesión da Pobra do Caramiñal, emigrado ao País Vasco na década de 1920, que loitou como miliciano no Exército de Euskadi. Como tantos outros españois, a inicios de febreiro de 1939 cruzou os Pirineos para exiliarse en Francia, onde sería internado en campos de concentración durante a Segunda Guerra Mundial, forzado a traballar en compañías de traballo (CTE e GTE) na zona controlada polo Goberno de Vichy, e, posteriormente, para a Organización Todt, na zona ocupada polos nazis, na construción do Muro Atlántico.
É esta unha obra de grande interese pola información que nos proporciona sobre eses miles de republicanos (os Rotspanier) que fuxiron de Franco para caer nas mans de Hitler.
SOBRE O AUTOR
Na súa faceta de escritor, Juan Galán publicou obras de ficción como Romanza de los naranjos en flor (2021), El eco de tu voz (2022) e Las tribulaciones de Bruno Lamas (2023). É investigador da memoria republicana de Galicia e vogal da xunta directiva da Asociación de Memoria Histórica Democrática de Ferrolterra.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.