A Deputación da Coruña entrega os seus premios culturais este xoves na V Gala da Cultura

Entregaranse os galardóns ás gañadoras e gañadores dos dezanove premios convocados polo departamento provincial de Cultura durante o último ano, nunha edición que incorpora novas categorías como os premios audiovisuais e de deseño.

Fachada Teatro Colón con sanandresiños (foto Amora – Deputación da Coruña).

A Gala da Cultura da Deputación da Coruña chega este xoves 16 de abril (Teatro Colón, 19:00 horas), á súa quinta edición para converterse un ano máis no escaparate da creación cultural galega e consolidarse como unha cita de referencia na que teñen visibilidade e recoñecemento o traballo e o talento de artistas, escritoras e escritores, músicos e músicas, creadoras e creadores audiovisuais, deseñadoras e deseñadores e proxectos culturais da provincia.

Ao escenario do Colón subirán para recibir o seu galardón as gañadoras e gañadores dos premios convocados polo departamento provincial de Cultura no ano 2025, nunha edición que incorpora ademais novas categorías como os premios audiovisuais e de deseño.

A gala estará centrada nesta edición en honrar a sorte como parte da identidade e da cultura galegas, cunha proposta artística e escenográfica ao redor dos sanandresiños de Santo André de Teixido como símbolo principal do evento, que na última semana está tamén a decorar a fachada do teatro.

Presentarán a velada a xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, nunha gala con dirección artística de Thais Suárez e coa actuación musical de Caamaño&Ameixeiras. A entrada é de balde e o público poderá acceder ao Teatro Colón desde as 18:30 horas, momento da apertura de portas.

Rolda prensa presentación gala, intervención deputada Natividade Glez, xuntoa a Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas (foto Amora – Deputación da Coruña).

A deputada de Cultura, Natividade González, destaca que esta quinta edición da Gala da Cultura «volve converter o Teatro Colón nun punto de encontro para recoñecer e poñer en valor o inmenso talento creativo que hai no noso país», e subliña que a cita permite «visibilizar o traballo de persoas e proxectos que enriquecen a cultura galega desde ámbitos moi diversos».

As persoas premiadas son:

  • Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero: Mala Herba Producións (modalidade iniciativa) e Illa Bufarda (modalidade traxectoria).

  • Premio Luis Seoane de Deseño: D-Due.

  • Premio José Gil de Cinema en Galego: Ángela Andrada (guión de longametraxe de ficción en lingua galega), Borja Casal Fraga (guión de longametraxe documental en lingua galega) e Margarita Ledo Andión (traxectoria).

  • Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica: Regina Giménez.

  • Premio Luis Ksado de Creación Fotográfica: Juan de la Quintana.

  • Certame de Arte Isaac Díaz Pardo: Ana Gesto Beiroa.

  • Premio Torrente Ballester de Narrativa: Estro Montaña (modalidade lingua galega) e Pablo Escudero Abenza (modalidade lingua castelá).

  • Premio Castelao de Banda Deseñada: Manuel Barreiro e Elías Taño (modalidade xeral) e Giovanna Lopalco (modalidade infantil e xuvenil).

  • Premio Manuel Murguía de Ensaio: Xosé Manoel Núñez Seixas.

  • Antía Yáñez Rodríguez,
  • Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil: Antía Yáñez Rodríguez.

  • Concurso Quero Cantar: Gael Ares (categoría infantil) e Emma Pérez e Candela Caamaño (categoría xuvenil).

  • Premio Internacional Andrés Gaos de Composición Musical: Aitor Vázquez Torres (modalidades orquestra e ensemble)

  • Concurso Fran Pérez ‘Narf’ para grupos e artistas musicais: Belém Tajes.

 

Lea también

VII Jornada Histórica de la Armada. Se celebró una conferencia en el Museo Naval de Ferrol,“Don Álvaro de Bazán, el mejor de los nuestros»

Este pasado jueves, día 28 de mayo, a las 12.00 h, se celebró en la …