Os locais Brais Gómez con “Chanclas” e Hugo Caruncho con “Mesi” conquistan a 1ª e 2ª praza na categoría junior.
Un ano máis, Valdoviño convertíase nun dos escenarios da VIII Proba de Cans de Rastro Atrelados sobre Xabaril Salvaxe de Ferrolterra organizada pola Federación Galega de Caza na Coruña.
Tiña lugar o pasado sábado día 11, coa participación de preto de medio centenar de deportistas na categoría absoluta e xuvenil, procedentes de toda a Comunidade, xa que a proba era puntuable para a Copa Galicia da especialidade.
Precisamente, dúas xoves promesas de Valdoviño como son Brais Gómez con “Chanclas” e Hugo Caruncho con “Mesi” conquistaban a primeira e segunda praza, respectivamente, na categoría junior. O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, que participaba na entrega de trofeos celebrada no municipio xunto ao edil de Obras, Alejandro García, felicitaba aos dous mozos polo seu magnífico papel na competición.
Clasificación da competición
Xeral: 1° Daniel Rodríguez Bullo con “Chico” e 245,5 puntos, 2° Sergio Prol Arcos con “Valdes” e 240,5 puntos, 3° José María Portela Barja con “Leo” e 236,5 puntos.
Junior: 1º Brais Gómez Sabín con “Chanclas” e 222 puntos, 2º Hugo Caruncho Martínez con “Mesi” e 220 puntos, 3º Erik Iglesias Meizoso con “Camilo” e 219 puntos.
Damas: 1º Vanesa Vila Varela con “Moruca” e 235 puntos, 2º Iria Piñeiro Crespo con “Zidane” e 224 puntos, 3º Mercedes Prin Bermúdez con “El Fugas” e 222 puntos.
A proba consiste en seguir un rastro de xabaril salvaxe coa axuda dun can que ten que ser conducido atrelado obrigatoriamente. Ao tratarse de caza salvaxe, o equipo (monteiro e can) descoñece por onde pasou o xabaril, a súa dirección, así como o principio e final do percorrido feito polo xabaril.
Dende a federación, destácase a importancia de que nesta competición non se interactúa co xabaril, por tanto nin se acosa nin se captura, o que se pretende é valorar por parte dos xuíces as condicións naturais dos distintos cans segundo a súa raza á hora de seguir o seu rastro, así como a habilidade e destreza.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
