O Concello de Narón inaugura este luns ás 17:00 horas na Biblioteca Municipal a exposición “Luz, color y mar”, da pintora Bronwen Sarah Griffith, unha proposta artística que se enmarca na programación especial de Abril, mes do libro.
A mostra poderá visitarse ata o próximo 9 de maio na sala multiusos da planta soto da biblioteca e reúne un total de 48 pinturas ao óleo inspiradas no litoral da comarca de Ferrol, Narón e Valdoviño, así como nos cambios de luz eatmosfera característicos do mar galego.
Bronwen Sarah Griffith leva máis de vinte e cinco anos traballando arredor da paisaxe mariña desta zona noroeste de Galicia. Nos últimos anos comezou a amosar a súa obra en distintos espazos expositivos, con mostras no Casino Ferrolano, na Casa da Cultura de Sada e en diversos locais hostaleiros da comarca.
As pezas que compoñen “Luz, color y mar” nacen do desexo da artista de capturar a emoción e o asombro que produce a contemplación do mar e da costa. A autora pon especial atención aos cambios que experimenta a paisaxe segundo a luz, o clima ou as estacións, cunha parte das obras realizadas ao aire libre, directamente fronte ao océano.
A exposición propón así un percorrido visual polas sensacións que transmite o litoral galego, ofrecendo ás persoas visitantes unha experiencia ligada á observación e á emoción que esperta o entorno mariño.
O horario de visita será de luns a venres de 17:00 a 20:00 horas e os sábados de 10:00 a 13:00 horas.
Ademais, para profundizar máis nesta mostra pictórica, a artista ofrecerá unha visita guiada o venres 24 de abril ás 18:30 horas. As persoas interesadas poden inscribirse a partir do próximo luns 20 de abril, ás 9:30 horas, de maneira presencial na biblioteca ou ben chamando ao número de teléfono 981 382 173 en horario de apertura.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
