O Concello de Neda leva por segundo ano aos coles públicos da localidade o proxecto socioeducativo “Ponte no meu lugar”, un programa de Aspaneps a prol da tolerancia e contra a discriminación centrada na discapacidade. A través de distintas dinámicas, o alumnado de quinto de primaria do CEIP San Isidro tivo na mañá deste venres a oportunidade de descubrir os límites no medio, segundo algunhas discapacidades.

Así, a xornada de sensibilización, na que o persoal técnico estivo acompañado de mozos e mozas do Centro Ocupacional de Aspaneps, que exerceron de monitores, permitiu á rapazada poñerse na pel de persoas con distintos tipos de dificultades para realizar actividades, na forma ou dentro da marxe, que se considera “normal”. Tiveron ocasión de reflexionar sobre a valoración pexorativa que moitas veces se fai das persoas con limitacións de mobilidade, psíquicas ou sensorias, estigmatizándoas sen considerar as súas posibilidades e valías.
Ao longo da mañá realizaron unha auditoría de barreiras arquitectónicas do centro educativo (desnivel da rampla de entrada, ascensor, ancho das portas dos aseos e aulas…), percorreron parte das instalacións en cadeira de rodas e, posteriormente, cun anteface que lles cubría os ollos. Deste modo, puideron comprobar as dificultades que teñen que afrontar as persoas con problemas de mobilidade e de visión.

A proposta, destinada a que nenos e nenas teñan a oportunidade de asimilar as diferencias individuais dun xeito normalizado, libre dos prexuízos que conducen a moitas persoas a unha situación de desigualdade social, completouse con cartelería que recorda como a idade nos iguala a todos. E así, co paso dos anos, a maioría das persoas presentan algún tipo de discapacidade nunha ou noutra medida.
Segundo o calendario deseñado cos coles, a iniciativa socioeducativa “Ponte no meu lugar” de Aspaneps chegará, co apoio municipal, ao CEIP de Maciñeira no mes de maio.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.