A concelleira de Feiras e Mercados de Narón, Mar Gómez, presentou a décimo quinta edición da Feira Multisectorial Agrícola, que se celebrará os días 18 e 19 de abril no recinto feiral do Trece, na parroquia de Sedes.
Trátase dunha cita xa asentada no calendario local que, segundo destacou a edil, segue a medrar ano tras ano tanto en participación como en contidos. “O interese que esperta esta feira vai a máis en cada edición. É un punto de encontro para quen valora o produto de proximidade e o traballo no rural”, sinalou Gómez
O evento reunirá arredor dunha trintena de postos de venda, aos que se suman varios espazos dedicados á maquinaria agrícola, con exposición e demostracións en directo.
Será un escaparate amplo no que non van faltar plantas da horta, árbores froiteiras e especies ornamentais, xunto a produtos como queixos, embutidos, conservas ou pan artesán. “Esta feira é unha oportunidade para dar visibilidade ao traballo dos produtores locais e apoiar directamente o sector primario, que é fundamental para a economía de Narón e a súa comarca”, engadiu Gómez.
A feira manterá o seu formato de fin de semana, con horario de mañá e tarde —de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas— e entrada de balde.
Ademais, as persoas asistentes recibirán rifas para participar nos sorteos organizados ao longo das dúas xornadas, con premios consistentes en produtos da propia feira, como plantas ou produtos da terra. A programación complétase cunha zona gastronómica, na que se poderán saborear produtos típicos, e coa tradicional sesión vermú ao mediodía.
Entre as 13:00 e as 14:00 horas haberá tamén degustacións gratuítas. Os máis pequenos terán o seu espazo, con obradoiros de plantación pensados para aprender de forma práctica e levar incluso algunha planta para a casa. Desenvolveranse en horario de mañá e tarde durante os dous días.
“Queremos que esta feira sexa un espazo vivo, no que a xente poida mercar, pero tamén pasar o día, aprender e gozar en familia”, explicou a concelleira, que incidiu en que o obxectivo é “seguir poñendo en valor o noso rural e dinamizar a parroquia de Sedes cun evento que xa é unha referencia na comarca”.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

