As persoas asistentes valoraron positivamente as actividades e destacaron a excelencia dos guías. A participación entre o xoves e o domingo acadou o 87,5 % de prazas completadas.

O Xeoparque Cabo Ortegal pecha unha Semana Santa cargada de experiencias de turismo activo. Durante algo máis dunha semana, o territorio ofertou actividades variadas indicadas para todos os públicos e a prezos reducidos coa finalidade de atraer novos visitantes.
A ocupación total foi dun 61,29 %, destacando especialmente a participación entre o xoves e o domingo (2-5 abril), onde se cubriron o 87,5 % das prazas dispoñibles.
As persoas participantes desprazáronse principalmente desde as provincias próximas, Lugo e Pontevedra, e mesmo desde outras zonas da provincia da Coruña. Ao longo desta semana, estase a realizar unha enquisa de satisfacción para coñecer as liñas de mellora de cara a vindeiras edicións, pero polo momento a media da valoración dos usuarios é de 4,92 sobre 5, e destaca especialmente o gran traballo dos guías como un dos grandes atractivos da experiencia.
É a primeira vez que o xeoparque organiza este formato de actividades en Semana Santa e a acollida foi tan boa que, desde a organización, non dubidan en repetir: “A alta ocupación, especialmente nos días festivos, pon de manifesto o alto interese que despertan as actividades, incluso houbo xente que fixo varias!”. As experiencias, que incluían rutas de sendeirismo, a cabalo, e unha vía ferrata, acadaron unha alta taxa de participación, chegando a esgotar as prazas nalgúns casos.
“É o xeito no que queremos promover o Xeoparque Cabo Ortegal, de forma atractiva, diferente, sostible e respectuosa coa contorna” declarou o director científico e xeólogo, Fran Canosa, quen tamén foi o encargado de impartir algunhas das visitas. Canosa, afirmou que “para o xeoparque, é moi importante ter en conta á poboación local, guías e profesionais do sector turístico, para que eles sexan os principais beneficiarios destas actividades”.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

