A Deputación da Coruña presenta a V Gala da Cultura

A Deputación presenta no Teatro Colón a V Gala da Cultura, centrada en honrar a sorte como parte da identidade galega. O acto será no Teatro Colón da Coruña o vindeiro xoves 16 de abril, ás 19 horas.

Fotografía Amora / Deputación de A Coruña

A Deputación da Coruña presenta no Teatro Colón a V Gala da Cultura (Gala DACCultura), o evento co que a institución acompaña e protexe o labor cultural impulsado na provincia. A gala celebrarase o vindeiro xoves 16 de abril, ás 19:00 horas, no propio Teatro Colón, con entrada de balde. A nova edición constrúese arredor da idea de honrar a sorte como parte esencial da identidade e da cultura galegas, un fío argumental que guiará o desenvolvemento do evento.

Tras unha actuación en directo de Belém Tajes —gañadora do Premio Narf 2025—, a deputada de Cultura, Natividade González, explicou que a proposta parte da idea de que «din que a sorte non vén soa e que hai que buscala», e explicou que, nesta ocasión, «a sorte, en forma de San Andresiño, atopoute a ti e tróuxoche un convite para a V Gala de Cultura».

Fotografía Amora / Deputación de A Coruña

González aproveitou a súa intervención para convidar á cidadanía a asistir ao evento e destacou o papel central desta cita no calendario cultural da provincia, ao reunir o conxunto dos premios culturais promovidos pola institución ao longo do ano, como a referida Tajes.

Pola súa banda, a directora artística da gala, Thais Suárez, destacou a presenza da sorte como elemento transversal da proposta, sinalando que «a sorte está moi presente na nosa cultura» e explicando que os San Andresiños funcionarán como símbolo tanto na intervención artística da fachada do teatro como na propia escenografía do evento. Suárez convidou tamén o público a achegarse á gala, lembrando que a entrada é gratuíta e subliñando o valor de vivir a cultura en directo.

A presentadora Susana Pedreira cualificou como «unha sorte» repetir conducindo esta gala —xa se encargou da anterior edición—, e abundou en que é «unha sorte» estar acompañada no escenario polo actor e músico Xoán Fórneas.

Pedreira puxo en valor que esta quinta edición é a máis diversa das celebradas até o momento, con premios literarios, artísticos, sociais e musicais, e explicou que a gala permitirá ao público achegarse ás preocupacións dos creadores actuais, incluíndo novas categorías como os premios audiovisuais e de deseño, que se incorporan este ano. Ademais, subliñou que a cita está pensada para ser vivida e gozada polo público, incidindo en que a participación da cidadanía é esencial para a cultura.

Fotografía Amora / Deputación de A Coruña

Pola súa parte, o presentador Xoán Fórneas destacou que será a súa primeira experiencia neste rol, asumindo un papel distinto ao habitual, e definiu a gala como unha «celebración da cultura galega e en galego». Fórneas subliñou a importancia de continuar promovendo iniciativas deste tipo e reflexionou sobre o concepto de «sorte» que inspira esta edición, sinalando que, fronte ao azar, a sorte introduce unha dimensión de esperanza que resulta especialmente significativa «nun mundo como o actual, en que o azar pode facer que todo mude nun instante».

V Gala da Cultura

A gala celebrarase o vindeiro xoves, 16 de abril, ás 19:00 horas, no Teatro Colón da Coruña. No evento farase entrega formal da vintena de premios que a Deputación concedeu no último ano nas diferentes modalidades artísticas convocadas pola institución. 

V Premios da Cultura da Deputación da Coruña

Premio Castelao de Banda Deseñada (modalidade xeral)

Persoa premiada: Manuel Barreiro Rozados e Elías Taño

Guionista e artista gráfico con traxectorias na banda deseñada e autoedición. Participan en proxectos culturais e de creación visual. Desenvolven obras cun forte enfoque narrativo e gráfico.

Premio Castelao de Banda Deseñada (modalidade infantil e xuvenil)

Persoa premiada: Giovanna Lopalco

Ilustradora especializada en animación e concept art. Traballa en proxectos audiovisuais e ilustración. Destaca polo seu estilo visual dinámico.

Premio Manuel Murguía de Ensaio

Persoa premiada: Xosé Manoel Núñez Seixas

Catedrático e investigador en historia contemporánea. Especialista en nacionalismos e memoria histórica. Conta cunha ampla traxectoria académica.

Premio Raíña Lupa (modalidade infantil)

Persoa premiada: Antía Yáñez

Autora de literatura infantil, xuvenil e adulta. Compatibiliza a escrita coa actividade xornalística. Recoñecida con diversos premios literarios.

Premio Torrente Ballester (galego)

Persoa premiada: Estro Montaña (José Montaña Louzao)

Escritor e catedrático con ampla traxectoria literaria. Publicou novelas, ensaios e relatos en distintos ámbitos. Desenvolve unha obra de carácter histórico e social.

Premio Torrente Ballester (castelán)

Persoa premiada: Pablo Escudero Abenza

Licenciado en Física e profesor de Matemáticas, autor de novelas, relatos e teatro con numerosos premios, combina actividade científica e literaria.

Certame Isaac Díaz Pardo

Persoa premiada: Ana Gesto

Artista visual formada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, traballa con linguaxes como escultura, vídeo e performance e explora identidade e expresión contemporánea.

Premio Jesús Núñez

Persoa premiada: Regina Giménez

Artista centrada na abstracción xeométrica e a ilustración, relaciona arte, ciencia e percepción e conta con exposicións e presenza en coleccións internacionais.

Premio José Gil (ficción)

Persoa premiada: Ángela Andrada

Guionista e creadora audiovisual con formación en comunicación, traballa en cine, televisión e formatos dixitais e desenvolve proxectos de ficción cun enfoque autoral.

Premio José Gil (documental)

Persoa premiada: Borja Casal Fraga

Xornalista e creador audiovisual vinculado á produción, traballa en guión e dirección e participa en proxectos documentais e televisivos.

Premio José Gil (traxectoria)

Persoa premiada: Margarita Ledo Andión

Cineasta, escritora e investigadora de referencia, figura clave do cinema galego e impulsora de proxectos culturais e académicos.

Premio Luis Ksado

Persoa premiada: Juan Manuel de la Quintana Sánchez Mateos

Fotógrafo especializado en traballo documental contemporáneo, desenvolve proxectos arredor da identidade e a memoria e expón en contextos nacionais e internacionais.

Premio Luis Seoane

Persoa premiada: Rosario Froján Resúa e Alfredo Olmedo Portela

Responsables da firma D-Due con proxección internacional, combinan moda, artesanía e identidade territorial e desenvolven proxectos creativos ligados á cultura contemporánea.

Premio Begoña Caamaño (iniciativa)

Persoa premiada: Mala Herba Producións (Claudia Bernárdez Martínez)

Mala Herba Producións desenvolve proxectos audiovisuais con enfoque social e traballa na visibilización feminista e LGTBI.

Premio Begoña Caamaño (traxectoria)

Persoa premiada: Illa Bufarda (Pilar Fernández Abades)

Illa Bufarda é unha produtora audiovisual galega organizada como cooperativa. Memoria e feminismo don dous dos seus sinais de identidade.

Premio Narf

Persoa premiada: Belém Tajes

Cantante e compositora galega con traxectoria consolidada, fusiona música tradicional con estilos contemporáneos e desenvolve unha proposta artística persoal.

Premio Andrés Gaos

Persoa premiada: Aitor Vázquez Torres

Compositor e director de orquestra, premiado en diferentes modalidades e activo no ámbito da música contemporánea.

Quero Cantar (infantil)

Persoa premiada: Gael Ares

Novo músico vinculado á tradición galega, participa en procesos de formación musical e desenvolve proxectos creativos desde idades temperás.

Quero Cantar (xuvenil)

Persoa premiada: Emma Pérez e Candela Caamaño

Alumnas da Escola Municipal de Música de Ames, desenvolven composición propia e participan en proxectos xuvenís de creación artística.

Lea también

As Pontes acolle a exposición «Abellas e abelleiros, unha relación ancestral na Galicia meleira»

A Casa Dopeso das Pontes acolle do 16 de abril ao 24 de maio de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *