A Deputación da Coruña impulsa unha ampla programación cultural con música, cinema e fomento da lectura

Até o 10 de abril está aberta a convocatoria para participar nos premios culturais da Deputación, prazo que se estende até o 27 de xuño no caso do Otero Pedrayo. Música, audiovisual ou literatura son algunhas das propostas culturais da institución para este mes de abril.

A Deputación da Coruña, a través da súa Área de Cultura, desenvolve ao longo do mes de abril unha ampla programación cultural en distintos concellos da provincia, con iniciativas que abranguen a música, o audiovisual e a promoción da lectura, co obxectivo de achegar a cultura á cidadanía e favorecer o acceso en todo o territorio.

Entre as propostas, a última en ser presentada é o ciclo de concertos dedicado a Marcial del Adalid no bicentenario do seu nacemento. Baixo o título ‘Marcial del Adalid. Piano a catro mans’, o Dúo Scaramouche, integrado por Javier Ares Espiño e Jorge Briones Martínez, interpretará a integral da súa obra para esta formación. No mes de abril están previstas dúas actuacións: o día 10 no teatro Jofre de Ferrol, ás 20.30 horas, e o 27 no Conservatorio Profesional de Música das Pontes de García Rodríguez, ás 19.00 horas, ambas as dúas con entrada libre até completar a cabida.

Presentacións do documental Basal

A programación da Deputación inclúe tamén a rolda de presentacións do documental Basal, dirixido por Ugia Pedreira e realizado por Óscar Górriz, que se achegará a diferentes localidades acompañado de coloquio coa propia artista. No mes de abril desenvolveranse sesións na Coruña (14), Santiago de Compostela (15), Carral (23), Muros (24), Ortigueira (28) e Cee (29).

Este traballo propón un achegamento ao proceso creativo e vital da artista nun formato de ‘docudisco’ que combina música e relato persoal, ao tempo que introduce unha reflexión sobre a accesibilidade cultural. Neste ámbito, a Deputación promoverá tamén nos meses de abril e maio unhas xornadas orientadas a facilitar ferramentas para impulsar medidas de accesibilidade nos proxectos e espazos culturais.

Programación polo Día do Libro

Así mesmo, con motivo do Día do Libro, desenvolverase unha programación específica que inclúe a proxección do documental A rebelión da lectura, acompañada de coloquio coas súas directoras, Asun G. Losada e Alma Alonso. A actividade chegará a diferentes concellos ao longo do mes, con sesións en Camariñas (10 de abril), Fene (15 de abril), Negreira (16 de abril), Betanzos (17 de abril), Cedeira (22 de abril), Rianxo (23 de abril), As Pontes (24 de abril) e Mañón (30 de abril), promovendo unha reflexión sobre o papel da lectura e das bibliotecas como espazos de encontro e dinamización cultural.

Aberta a convocatoria dos premios culturais

Por último, a Área de Cultura da Deputación lembra que até o vindeiro 10 de abril —27 de xuño no caso do Otero Pedrayo— permanece aberta a convocatoria dos premios culturais da Deputación da Coruña, cunha dotación global de 111.000 euros. Estes galardóns abranguen diferentes ámbitos da creación, como a narrativa, a poesía, a banda deseñada, o audiovisual, a fotografía, o deseño ou a artesanía, entre outros, co obxectivo de apoiar e recoñecer o talento creativo.

Asemade, até o 30 de abril está aberto o prazo de presentación de solicitude de axudas para participar no Certame ‘Fondo de apoio a proxectos culturais singulares para a mellora social’, unha iniciativa destinada a apoiar proxectos culturais en lingua galega que contribúan á mellora social en ámbitos como a igualdade, os dereitos civís, a diversidade, o medio ambiente, a memoria democrática ou a cohesión social.

Máis información na sección dos premios culturais da Deputacion da Coruña.

Lea también

Con la procesión del Resucitado finalizaron en Ferrol los actos y desfiles procesionales de la Semana Santa 2026

Las tres cofradías hermanadas de la Semana Santa de Ferrol, Merced, Soledad y las Angustias, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *