Cerdido agradece a participación na Feira do Cabalo da Barqueira

O evento congregou a máis de 90 inscritos entre criadores, afeccionados e público, que puideron gozar das probas de andadura nunha das citas máis destacadas do calendario municipal.

O Concello de Cerdido fai unha valoración positiva da XXXII Feira do Cabalo da Barqueira, celebrada este pasado domingo e consolidada como unha das máis destacadas do calendario municipal, e agradece a participación de todos os asistentes.

A xornada contou con máis de 90 inscritos, superando así os datos da pasada edición, e estivo marcada pola presenza de criadores, afeccionados e público xeral. Puideron gozar das distintas probas e actividades ecuestres programadas ao longo da tarde, así como da oferta gastronómica e dos postos da feira.

No aspecto competitivo, celebráronse probas de andadura nas modalidades serrada e chapeada, entregouse un trofeo ao mellor poldro e recoñeceuse ás persoas participantes de maior e menor idade. Ademais dos trofeos, fíxose entrega dun saco de penso ao gañador de cada categoría.

Dende o goberno municipal agradecen o esforzo organizativo e a implicación de todas as persoas e entidades colaboradoras que fan posible este evento ano tras ano, contribuíndo á continuidade da feira.

O alcalde de Cerdido, Alberto Rey, destacou que “a Feira do Cabalo da Barqueira é unha das nosas grandes citas anuais, non só polo seu valor cultural, senón tamén porque contribúe a dinamizar o rural”. Así mesmo, Rey sinalou que a cita “segue a ser un punto de encontro para veciñanza e visitantes” e agradeceu “a colaboración das entidades, establecementos e persoas que contribuíron ao seu éxito”.

Lea también

El futuro Museo de Ferrol da un paso adelante con el inminente inicio de las obras en el Torrente Ballester

El Concello de Ferrol ha dado un nuevo paso para hacer realidad el futuro Museo …