As Pontes impulsa o taller “Saúde e Autocoidado”

O Concello das Pontes presenta o taller “Saúde e Autocoidado”, unha iniciativa centrada na recuperación psicolóxica e emocional de persoas que padeceron ou padecen unha enfermidade, así como das persoas coidadoras, co obxectivo de mellorar o seu benestar e calidade de vida.

A actividade desenvolverase en Casa Dopeso, cun grupo reducido de arredor de 15 persoas, favorecendo así un traballo máis próximo, personalizado e adaptado ás necesidades específicas das persoas participantes.

Este obradoiro busca ofrecer un espazo seguro, respectuoso e confidencial no que se fomente a expresión emocional, o apoio mutuo e a adquisición de ferramentas para afrontar o impacto psicolóxico derivado dos procesos de enfermidade e do coidado continuado, configurándose como unha intervención preventiva e de acompañamento centrada na persoa que promove unha recuperación integral e máis humana.

O programa desenvolverase ao longo de 14 sesións quincenais, que terán lugar os xoves en horario de 16:30 a 18:30 horas, comezando o vindeiro 15 de abril.

Ao longo das sesións abordaranse diferentes temáticas como a xestión emocional, a redución do estrés, o fortalecemento da autoestima, a comunicación asertiva, o establecemento de límites e o autocoidado, combinando contidos psicolóxicos con actividades prácticas de carácter vivencial orientadas ao benestar físico e emocional, como técnicas de relaxación e mindfulness, danzaterapia, xogos de memoria e risoterapia, co obxectivo de favorecer a desconexión do proceso de enfermidade e o fortalecemento dos recursos persoais.

Esta iniciativa responde á necesidade detectada de ofrecer espazos de apoio emocional no ámbito comunitario ante o impacto que a enfermidade e o rol de coidador ou coidadora teñen na saúde psicolóxica das persoas, xerando en moitos casos situacións de estrés, ansiedade e sobrecarga emocional.

As inscricións poderán realizarse de forma presencial no departamento de Servizos Sociais entre os días 7 e 13 de abril.

Con esta proposta, o Concello das Pontes reforza o seu compromiso co benestar da cidadanía, apostando por accións que contribúan á mellora da saúde emocional e á creación de comunidades máis coidadoras e resilientes.

Lea también

Fallece un motorista, vecino de Fene, en un accidente de tráfico en As Pontes

Un motorista de 58 años, J.M.C. vecino de Sillobre, Fene, falleció pasadas las seis de …