Beba Pereira expón en San Sadurniño “Paisaxes e emocións” ata finais de abril

A galería do Concello de San Sadurniño exhibe desde esta mesma semana e ata o 30 de abril  unha escolma de máis de vinte óleos da artista ferrolá Beba Pereira Beceiro. A exposición, que pode visitarse nos horarios de apertura das oficinas municipais, propón unha viaxe polas paisaxes de Galicia baixo unha mirada que transcende o realismo para converterse nunha expresión de sentimentos íntimos. A autora, que se define como unha «pintora de emocións», convida ao público a descubrir as mensaxes ocultas que latexan detrás de cada mariña, cada ceo e cada camiño, compoñendo as obras con pequenas poesías -a súa outra faceta- que reforzan o seu significado.

A vocación de Beba Pereira Beceiro pola arte naceu case ao mesmo tempo que a súa propia vida. Criada nun ambiente onde a cultura e a expresión artística eran piares da educación, grazas ao empeño da súa nai a artista medrou entre pinceis, música e libros de poesía. Malia que a súa traxectoria profesional discorre no ámbito do Dereito —ten despacho en Ferrol—, a pintura ocupou sempre un lugar central na súa existencia. «De pequeniña miraba os escaparates de belas artes e os tubos de óleo como os nenos miran os escaparates de lambetadas», confesa a autora.

A mostra que agora chega a San Sadurniño é o resultado dun proceso creativo onde a técnica e o sentimento se dan a man. Aínda que domina o debuxo, o carbón ou a acuarela, Pereira Beceiro atopa no óleo sobre lenzo a canle perfecta para transmitir a súa visión do mundo. Na Galería municipal pódense contemplar paisaxes urbanas, ceos infinitos e elementos da natureza galega que, segundo a propia artista, «teñen sempre algo especial, non é un realismo puro».

Unha das particularidades desta exposición é a interacción entre a imaxe e a palabra. Beba Pereira, que tamén cultiva a escrita, decidiu acompañar as súas obras con poesías ou reflexións propias que axudan a explicar o seu proceso creativo. «Gústame compartir iso coa xente; gustaríame que quen visite a mostra lea tamén esas reflexións porque explican a mensaxe oculta que intento transmitir para que nazan no espectador sensacións e emocións», explicaba a pintora e poeta durante a montaxe da mostra na galería da Casa do Concello.

A natureza de Galicia serve como escenario principal, enfiada en boa parte das obras con mares e ceos, aínda que tamén hai outros motivos visuais. Para a pintora ferrolá, cada elemento ten unha simboloxía vital: os camiños representan o transitar da vida, as pontes son novas oportunidades e a néboa simboliza a maxia do futuro que intuímos pero non vemos. Esta sensibilidade levouna a expoñer en múltiples espazos como o Torrente Ballester, Afundación ou o Museo Naval de Ferrol, onde precisamente unha das súas obras, Entre el Mar y el Cielo, pasou  formar parte recentemente do Patrimonio Nacional coa declaración de Ben de Interese Cultural (BIC).

Ademais de ter exposto en numerosas salas, a pintora tamén leva recibidos unha chea de premios. O último (por agora) foi o accésit da Universidade da Coruña Campus de Ferrol no certame estatal de pintura marítima  «Almirante 2025″ organizado polo Museo Naval de Ferrol e a Sociedad Artística Ferrolana.

Beba Pereira entende a arte como un acto de comunicación aberto. Para ela, unha obra non está rematada «ata que chega ao ollo do espectador que a contempla«. Con esa filosofía de compartir a paixón de pintar, a artista chega a San Sadurniño cunha colección que é, en esencia, un diálogo emocional co territorio.

A exposición «Paisaxes e emocións» poderá visitarse na Galería da Casa do Concello até o vindeiro 30 de abril no horario de apertura das oficinas municipais, de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas.

Lea también

Fene acolle a exposición «Gritos en el silencio» de Lucas Blanco

A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene acolle do 1 ao …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *