Volve a Valdoviño o ‘Pasea e Tapea’

O certame que impulsa o Concello co apoio da hostalería local amplía xornadas para degustar as tapas, número de locais e parroquias.

Volve o Pasea e Tapea por Valdoviño. A iniciativa, que impulsan o Concello e os establecementos de hostalería locais, celebrarase á volta da Semana Santa, durante as tres últimas fins de semana do mes de abril.

Esta é unha das novidades respecto á primeira edición, que deixaba moi bo sabor de boca. Tanto polas propostas dos negocios locais como pola resposta da cidadanía, que selaba preto de 2.400 boletos nos 4 días que duraba o proxecto. Atendendo á petición do sector, neste 2026 espaciaranse as degustacións, ampliándoas a tres fins de semana (do 10 ao 12, do 17 ao 19 e do 24 ao 26 de abril) e con 3 opcións de horario segundo os locais (venres e sábados de 20:30 a 22:00 horas; sábados e domingos de 12:30 a 14:30 horas e aqueles que optan por ofrecer a tapa nos dous horarios anteriores).

O alcalde, Alberto González, e a concelleira de Turismo e Cultura, Rosana García, valoraban moi positivamente a participación, que medra este ano en número de locais, ata os 18, e tamén en parroquias, sumando Pantín e Vilarrube. A filosofía mantense, convidando a veciños e visitantes a desfrutar do territorio e da súa rica gastronomía.

Así, as tapas poderán degustarse coa consumición ao prezo único de 2,5 euros. Con cada unha, a clientela recibirá un boleto que, selado e entregado nas urnas que se disporán nos negocios, entrarán a formar parte do sorteo de 3 cestas de produtos da terra. Así mesmo, aqueles e aquelas que completen a ruta polos 18 establecementos das 7 parroquias e cubran a tarxeta correspondente, poderán votar pola súa tapa favorita, e participar dun cuarto sorteo, co premio dunha comida ou cea valorada en 100 euros no local gañador. Así, verase quen toma o relevo do Teleclub de Vilaboa, vencedor da primeira edición.

Os locais participantes e as súas propostas son as seguintes segundo a parroquia:

En LAGO. A Torre do Lago: Do mar a Torre (sábados e domingos de 12:30 a 14:30 horas); Pide&Pika: Tentación crocante (venres e sábados de 20:30 a 22:00 horas e sábados e domingos de 12:30 a 14:30 horas); Café Bar Piruliña: Delicatessen do mar de Valdoviño (venres e sábados de 20:30 a 22:00 horas e sábados e domingos de 12:30 a 14:30 horas); Os Dous de Sempre: ovos e zorza (venres e sábados de 20:30 a 22:00 horas e sábados e domingos de 12:30 a 14:30 horas).

En MEIRÁS. Casa Marino: Niño de ovo de codorniz (venres e sábados de 20:30 a 22:00 horas e sábados e domingos de 12:30 a 14:30 horas); A Madriña: Timbal de rabo de vaca ao viño tinto (sábados e domingos de 12:30 a 14:30 horas); O Bichesco: Hot dog de cocido (sábados e domingos de 12:30 a 14:30 horas); Campo García: Panipuri recheo de longaniza (venres e sábados de 20:30 a 22:00 horas e sábados e domingos de 12:30 a 14:30 horas).

En PANTÍN. O Castro: Canastilla crocante de roupa vella (venres e sábados de 20:30 a 22:00 horas); Las Olas by Pantín: Midnight Blues (venres e sábados de 20:30 a 22:00 h e sábados e domingos de 12:30 a 14:30 horas).

En SEQUEIRO. A Cepa: Ovos encapotados con pastel de porro (venres e sábados de 20:30 a 22:00 horas e sábados e domingos de 12:30 a 14:30 horas); A Trasanquesa: Callos (sábados e domingos de 12:30 a 14:30 horas).

En VALDOVIÑO. O Garaxe: Delicias de chocos (venres e sábados de 20:30 a 22:00 horas e sábados e domingos de 12:30 a 14:30 horas); Morriña: Roliño Morriña (sábados e domingos de 12:30 a 14:30 horas); Kami: Brocheta de polo doce (venres e sábados de 20:30 a 22:00 horas e sábados e domingos de 12:30 a 14:30 horas); Porta do Sol: Tenreira ao caldeiro (venres e sábados de 20:30 a 22:00 horas).

En VILARRUBE. A Taberna do Puntal: Empanada de cocido (sábados e domingos de 12:30 a 14:30 horas).

En VILABOA. Teleclub Vilaboa: En Vilaboa quero quedar (venres e sábados de 20:30 a 22:00 horas e sábados e domingos de 12:30 a 14:30 horas).

Lea también

Fene acolle a exposición «Gritos en el silencio» de Lucas Blanco

A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene acolle do 1 ao …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *