Exoesqueletos para coidar a quen coida: a investigación do CITENI, nun proxecto europeo de saúde laboral

A enxeñaría que se desenvolve no Campus Industrial de Ferrol da UDC terá un papel decisivo nun dos novos proxectos europeos que se centran no ámbito dos coidados. O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), a través do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM), será o encargado de deseñar e construír os exoesqueletos do proxecto internacional EXOCARE_GNP, financiado polo programa Interreg con fondos Feder.

A iniciativa parte da Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña (ERLAC), centro adscrito á Universidade, e aborda un problema crecente: o elevado número de lesións músculo-esqueléticas que sofren e os profesionais da sanidade e as persoas coidadoras ao mobilizar pacientes en hospitais, residencias e domicilios.

O proxecto, cun orzamento superior a 1,3 M€, desenvolverase ata 2028. Levarao a cabo un consorcio internacional que reúne entidades sanitarias, centros de investigación e asociacións de Galicia e o norte de Portugal.

Entre as socias do consorcio atópanse a Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña, a Universidade da Coruña, a Unidade Local de Saúde do Alto Ave (Portugal) e a Universidade do Minho, xunto a
entidades como a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Consellería de Política Social e Igualdade –a través da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade e a Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria– da Xunta de Galicia. Completan a alianza a Santa Casa da Misericórdia de Riba de Ave e o Digital Transformation CoLAB (DTx CoLAB), en Portugal, e o Clúster Saúdede Galicia (CSG), todos eles organismos comprometidos coa mellora das condicións laborais de quen coida a persoas dependentes.

Do laboratorio aos hospitais: oito prototipos antes de 2027

O equipo de biomecánica do LIM, integrado polos investigadores Javier Cuadrado, Florian Michaud e Urbano Lugrís, ademais do estudante de grao Lucas Porzio, asumirá unha das tarefas centrais do proxecto: deseñar e fabricar oito unidades do prototipo de exoesqueleto que se utilizará nas probas reais.

Os oito exoesqueletos estarán listos para ser avaliados por profesionais en contornas asistenciais durante o último trimestre de 2026, coa colaboración do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Unidade Local de Saúde do Alto Ave en Portugal, baixo a coordinación do consorcio liderado pola ERLAC.

Tras esa fase de probas, o equipo analizará os resultados e realizará os axustes necesarios para definir a versión final do dispositivo antes de que conclúa o proxecto en 2028.

Un exoesqueleto lixeiro, flexible e pensado para o uso diario

A diferenza doutros desenvolvementos robóticos máis complexos, o dispositivo que se propón será previsiblemente un exoesqueleto pasivo, sen motores, lixeiro e flexible, con materiais téxtiles e estruturas de baixo peso.
A clave está en que o exoesqueleto permita redistribuír as cargas que asume o persoal sanitario e evitar que adopte posturas forzadas ao mobilizar pacientes, para limitar así a presión sobre as vértebras lumbares. Deste xeito, redúcese o risco de lesións que hoxe constitúen a principal causa de baixa laboral no sector.

A proposta conecta cunha traxectoria consolidada do LIM no campo da biomecánica do movemento humano, que comezou en 2007. O grupo traballouanteriormente no desenvolvemento dun exoesqueleto activo para asistir á
marcha de persoas con lesión medular, unha experiencia de alta complexidade
tecnolóxica, a diferenza da solución que agora se persegue, máis lixeira e accesible, orientada ao ámbito sociosanitario.

Financiamento e compromiso institucional

O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica contará con máis de 157 000 € de financiamento europeo, procedente dos fondos Feder, aos que se suma a achega da propia Universidade da Coruña (UDC).
Máis aló das cifras, EXOCARE_GNP sitúa á UDC nunha posición estratéxica dentro da cooperación Galicia-Norte de Portugal, ao combinar o coñecemento social da ERLAC coa enxeñaría avanzada do CITENI no Campus Industrial de Ferrol.

Reducir as lesións, mellorar as condicións laborais e dignificar o traballo de quen coida son os obxectivos finais dunha tecnoloxía que, nos próximos anos, comezará a probarse fóra do laboratorio, en hospitais e residencias desta área xeográfica.

Sobre o LIM

O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do CITENI combina a súa experiencia en materia de dinámica de sistemas multicorpo e simulación por ordenador con investigación aplicada en automoción, maquinaria, aplicacións marítimas e biomecánica. Neste último ámbito, o laboratorio desenvolve modelos músculo-esqueléticos, análise do movemento humano e animal, análise de exoesqueletos, órteses activas e sistemas de sensorización
aplicables á saúde e a rehabilitación. Desta traxectoria xorde a empresa derivada (spin-off) Motion and Force Engineering Solutions (MFES), que traslada os avances deste laboratorio ao mercado mediante proxectos, servizos
e produtos relacionados coa captura e a análise de movemento, a modelaxe e a simulación músculo-esquelética, ademais do deseño e a avaliación de dispositivos asistidos.

Lea también

El Campus Industrial de Ferrol acoge una nueva edición de las «Xornadas DoutoreAndo» bajo el lema “Investigando en Verde”

La vicerrectora del Campus de Ferrol y Responsabilidad Social, Ana Ares, y el director del …