Narón amosa o seu apoio aos traballadores de Navantia cunha declaración institucional

O Pleno ordinario de marzo do Concello de Narón incluíu na súa orde do día unha declaración institucional na que a Corporación amosa o seu apoio ao cadro de persoal da factoría pública e ás súas demandas en relación co Plan Industrial 2026-2029.
 
 
O texto pon o foco na necesidade de garantir carga de traballo estable, avanzar na modernización das instalacións e asegurar o mantemento do emprego, tanto na empresa pública como na industria auxiliar, incidindo no papel clave deste sector para o desenvolvemento industrial da comarca.
 
Na mesma sesión, e por unanimidade, aprobouse a baixa no inventario municipal das parcelas do sector de Santa Rita xa cedidas á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (VIPUGAL), un trámite necesario para consolidar a cesión e avanzar na construción de vivenda de promoción pública no municipio. Así mesmo, tamén contou co apoio unánime da Corporación a adhesión do Concello ao convenio marco de colaboración coa Xunta de Galicia en materia de envases domésticos de vidro dun só uso.
 
No plano económico, deuse o visto bo ao levantamento de reparos suspensivos para o pagamento de facturas correspondentes a servizos xa prestados, así como un recoñecemento extraxudicial de créditos para cumprir cos compromisos adquiridos con provedores. O Pleno de Narón ratificou así mesmo a proposta de aprobación inicial do regulamento de uso para o complexo da piscina do Couto, un documento que fixa as condicións de acceso, funcionamento e utilización das instalacións, co fin de garantir un uso adecuado e seguro por parte das persoas usuarias deste equipamento municipal que ten prevista a súa posta en funcionamento para a tempada estival.
 
Ademais, a Corporación acordou a adhesión do Concello de Narón ao convenio entre a Consellería de Educación e a Fegamp para o desenvolvemento da rede de concellos contra o acoso escolar, unha iniciativa que busca reforzar a prevención e actuación fronte a este tipo de situacións.
 
Mocións No apartado de mocións, o Pleno deu luz verde a dúas iniciativas do PP: unha, aprobada por unanimidade, para mellorar a seguridade viaria e o mantemento dos pasos de peóns en Narón, e outra centrada na problemática do lobo e na defensa do sector gandeiro. Tamén prosperaron dúas propostas do BNG. Por unha banda, unha iniciativa na que se solicita a actuación do Concello ante o posible caso de contaminación detectado nos menús do 3 de marzo no CEIP Manuela Pérez Sequeiros.
 
Por outra, unha moción sobre as necesidades de investimento no IES As Telleiras, levada ao Pleno para o seu debate. Ademais, o PSdeG sacou adiante dúas mocións: unha para reclamar melloras na seguridade viaria nas estradas dependentes da Deputación no termo municipal de Narón, e outra na que se solicita a fiscalización do gasto hídrico e a comparecencia do responsable ante o consumo anómalo detectado no campamento de Freixeiro.

Lea también

Narón súmase un ano máis ao programa “Vacacións en Paz” para acoller menores saharauís no verán

A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) fai un chamamento ás familias de Narón …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *