O CEIP Virxe do Mar gaña as VII Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria de Narón

O Centro de Ensino Infantil e Primaria Plurilingüe Virxe do Mar de Narón proclamouse vencedo das VII Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria de Narón, celebradas no Pazo da Cultura coa participación de preto de 300 escolares de 5º de Primaria dos centros educativos do municipio. O segundo posto foi para o Colexio Ayala e o terceiro para o CPR Santiago Apóstol.

Fuente Concello de Narón

A xornada púxolle o ramo a varias semanas de preparación nas aulas, nas que o alumnado traballou contidos relacionados coa educación viaria, os primeiros auxilios, o respecto polo medio ambiente e a mobilidade sostible. Xa na final, os equipos enfrontáronse a diferentes probas como un cuestionario teórico a través de Kahoot, a actividade creativa Aula en Xogo, o reto participativo A Palabra Oculta e dinámicas prácticas vinculadas á circulación segura.

O concelleiro de Seguridade Cidadá, José Oreona, foi o encargado de inaugurar o evento, organizado polo departamento de Seguridade Viaria da Policía Local de Narón coa colaboración de Eroski e a Confederación Nacional de Autoescolas (CNAE). Durante a súa intervención destacou “o nivel demostrado polo alumnado e a importancia de traballar a seguridade viaria desde idades temperás, non só como coñecemento, senón como hábito diario”.

Oreona tamén agradeceu o labor do xurado, integrado por Adrián Pereira, subxefe provincial de Tráfico da Coruña; Diego Arrojo, sarxento primeiro da Garda Civil no Destacamento de Tráfico; Alonso Dopico, representante de CNAE; Laura Adela Fernández, de Equipo Laura; e José Antonio Carballido, oficial da Policía Local de Narón.

Fuente Concello de Narón

O edil, xunto á alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, foron os encargados de entregar os diplomas aos finalistas e as medallas aos tres equipos gañadores. Como premio, o alumnado do CEIP Virxe do Mar recibiu dúas láminas con sinais de tráfico cedidas por CNAE e entradas de cine. Pola súa banda, o alumnado do Santiago Apóstol gozará dunha visita ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña no campus de Ferrol, e o do Colexio Ayala dun bautismo de mar.

Con esta iniciativa, o Concello de Narón busca reforzar o seu programa referente de educación viaria, sumando formación e participación para fomentar condutas seguras, responsables e respectuosas co medio ambiente entre a poboación máis nova.

Lea también

A Solaina, Narón, acolle unha mesa redonda sobre muller e discapacidade

O local social da Solaina celebra este próximo sábado 28 de marzo, ás 11:00 horas, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *