O segundo dos «Foros da Veiga» analiza en Naraío, San Sadurniño, a historia do Reino de Galiza

O local social de Naraío volverá ser este venres, último de mes, lugar de coñecemento e debate nunha nova edición dos Foros da Veiga. A  Asociación Veciñal O Castelo convidou a esta segunda sesión do ciclo de conferencias a Francisco Rodríguez Sánchez, doutor en Filoloxía, crítico literario e historiador, quen ofrecerá un relatorio centrado na realidade, importancia e evolución do Reino de Galiza.

Foto de arquivo de Francisco Rodríguez Sánchez, tomada o 18 de xullo de 2025 con motivo da inauguración da Rúa Castelao en San Sadurniño. (César Galdo)

O encontro, que comezará ás 20:00 horas, pretende reivindicar as claves políticas e identitarias dunha institución ocultada ou esquecida a mantenta pola historia e o ensino que, porén, é fundamental para entender a nosa realidade actual.

A xornada porá o foco nunha das etapas máis silenciadas pola historiografía oficial dos últimos séculos. Malia que a imaxe tradicional de España se construíu sobre a hexemonía de Castela, os datos históricos e documentais confirman que o Reino de Galiza tivo unha existencia consolidada e recoñecida internacionalmente moito antes de que outras entidades políticas peninsulares comezasen a debuxarse.

Tal é así que a orixe desta estrutura política se remonta ao ano 411 coa chegada dos suevos, que estableceron en Galicia o primeiro reino medieval de Europa con administración e moeda propias. Mentres que o Reino de Castela non aparecería como tal ata ben entrado o século XI, Galicia xa funcionaba como unha unidade política recoñecida pola Santa Sé e polas chancelerías europeas da Alta Idade Media, cunha extensión que nalgúns períodos abranguía boa parte do noroeste peninsular.

Rodríguez Sánchez abordará a maneira en que este legado «foi deliberadamente ocultado ou minimizado por un relato académico centrado nunha visión españolista que presentou a Galicia como unha provincia periférica de Castela, ignorando que o noso país mantivo a súa denominación de Reino e as súas institucións propias ata o século XIX», explican desde O Castelo de Narahío. Unha omisión que non foi casual, senón que respondeu «á necesidade de crear unha narrativa nacional española uniforme e centralizada», engade o colectivo.

Durante a charla achegaranse datos e testemuños historiográficos que confirman esta realidade, da que tamén quedou constancia en numerosos documentos cartográficos e diplomáticos europeos de distintas épocas que situaban a «Gallaecia» como un referente político de primeira orde. A existencia de reis galegos -moitos deles soterrados no Panteón Real da Catedral de Santiago-, cortes propias e un dereito diferenciado «proban que a idea de España como unidade política indisoluble é unha construción moderna, moi posterior á realidade estatal que Galicia representou durante máis dun milenio».

Esta segunda sesión dos «Foros da Veiga» convidaranos, segundo sinalan desde O Castelo de Narahío, «a desaprender moitos dos mitos herdados, co obxectivo de podermos reconstruír unha visión máis rigorosa e digna do noso pasado». Será unha oportunidade única para escoitar a un dos máximos especialistas na materia e participar nun debate necesario sobre a nosa soberanía histórica. A cita é este venres, 27 de marzo, ás 20:00 horas no local social de Naraío.

Lea también

Excarcelada una persona tras volcar su vehículo en Cerdido

Una persona ha tenido que ser excarcelada de su vehículos por los servicios de emergencia …