Cedeira acolle a función “O carteiro de Ximaraos”

A peza está baseada nun conto de Carlos Labraña e trata, con gran sensibilidade e respecto, da enfermidade de Alzheimer.

O Auditorio de Cedeira ten en cartel para este sábado 28 unha función para o público familiar, “O carteiro de Ximaraos”, espectáculo do Centro Dramático Galego en coprodución con Monicreques de Kukas.

A peza está baseada nun conto do cedeirés Carlos Labraña, que gañou o XIII Premio Manuel María de Literatura Dramática e que fala do valor da memoria, da forza dos recordos e, sobre todo, da necesidade de cultivar os afectos entre xeracións. A representación será ás 20.00 horas e as entradas estarán á venda ao prezo de 2,5€ desde unha hora antes.

“O carteiro de Ximaraos” trata da relación entre un avó, antigo carteiro da vila de Ximaraos, e o seu neto, que descobre na saca do avó un tesouro de cartas esquecidas. É unha peza que fala da enfermidade de Alzhéimer con sensibilidade, intelixencia e respecto, converténdose nun exemplo de como o teatro pode ser ao tempo ferramenta pedagóxica, arte comprometida e espazo de encontro.

A historia está tecida cunha linguaxe próxima e imaxinativa, que permite aos nenos conectar emocionalmente co conflito sen caer en dramatismos innecesarios.

A través da figura do carteiro —símbolo da comunicación, do fío que une tempos e persoas—, a obra propón un relato onde se poñen en valor a escoita, a paciencia, o coidado dos maiores e o poder das historias compartidas. Nun tempo marcado pola velocidade e a fragmentación, “O carteiro de Ximaraos” reivindica a importancia da presenza, da conversa e da lembranza como pontes que nos manteñen unidos.

Esta proposta tamén destaca polo seu valor como ferramenta emocional para traballar coas crianzas sentimentos como a tristeza, o apego, o medo á perda ou a confusión que produce ver cambiar ás persoas que queremos. O teatro convértese aquí nun espazo seguro desde o que abordar estas cuestións sen tabús, favorecendo unha educación emocional que moitas veces fica esquecida nas dinámicas escolares ou familiares. Ao mesmo tempo, a obra reforza a relación interxeracional, poñendo en primeiro plano a riqueza dos vínculos entre infancia e vellez, e desbotando visións estigmatizantes da doenza ou da idade

Lea también

El grupo ferrolano BÖJ recibe el Premio de la Música de la SAF

La Sociedad Artística Ferrolana otorga además la Primera Medalla «Sotomayor» al pintor Pepe Barreiro Gómez …