A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) fai un chamamento ás familias de Narón e comarca para que participen no programa “Vacacións en Paz 2026”, unha iniciativa que apoia un ano máis o Concello de Narón no marco da súa colaboración coas accións de solidariedade co pobo saharauí.
O programa permite a acollida en Galicia de nenos e nenas procedentes dos campamentos de refuxiados de Tindouf, en Alxeria, que pasarán os meses de verán con familias galegas. A súa chegada está prevista para comezos de xullo, permanecendo fóra dos campamentos durante o período estival, cando as condicións climáticas son especialmente extremas, con temperaturas que poden superar os 50 graos. Dende a entidade promotora, destacan a importancia da implicación cidadá.
En Galicia, arredor de 300 familias participan cada ano neste programa, ofrecendo acollida, convivencia e apoio aos menores durante a súa estancia. “Vacacións en Paz” ten como obxectivo ofrecerlles unha experiencia vital enriquecedora, que lles permita coñecer outras formas de vida, acceder a revisións médicas, mellorar a súa alimentación e participar en actividades de lecer, ao tempo que se promove a sensibilización social sobre a realidade do pobo saharauí e se fomentan valores de solidariedade, convivencia e respecto.
A iniciativa forma parte dun movemento solidario consolidado en Galicia desde 1991, orientado a dar resposta ás necesidades humanitarias da poboación refuxiada saharauí e a reforzar os lazos históricos, culturais e humanos entre Galicia e o Sáhara, onde o castelán segue a ser unha lingua de uso habitual entre a poboación.
As familias interesadas en participar nesta iniciativa de acollemento temporal poden dirixirse á SOGAPS a través do número de teléfono 986 262 637 ou no mail: info@sogaps.org.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
