O Teatro Colón acolle este venres a IV Gala dos Premios do Deporte da Deputación da Coruña

O acto reunirá ás principais figuras e entidades do deporte da provincia nunha noite de recoñecemento ao talento, a traxectoria e os valores deportivos

O Teatro Colón da Coruña este venres, 20 de marzo, a partir das 20 h., acolle a IV Gala dos Premios do Deporte da Deputación da Coruña, o gran acto anual de recoñecemento ao deporte da provincia, no que se darán a coñecer as persoas e entidades galardoadas nesta edición. O acto estará presidido polo titular do goberno provincial, Valentín González Formoso.

A gala consolidouse nestes catro anos como unha das citas máis destacadas do calendario deportivo provincial, reunindo a deportistas, clubs, adestradores, árbitros e entidades que contribúen ao desenvolvemento e promoción do deporte nos 93 concellos da provincia.

Durante o acto farase entrega dos premios correspondentes ao ano 2025, cos que a Deputación recoñece non só os éxitos deportivos, senón tamén o esforzo, a dedicación e os valores asociados á práctica deportiva, tanto no ámbito profesional como no deporte base, inclusivo e afeccionado.

Os Premios do Deporte estrutúranse en múltiples categorías —preto dunha quincena— que abranguen desde mellores deportistas masculino e feminino ata recoñecementos á traxectoria, ao deporte base, ao deporte inclusivo, ao labor arbitral ou á promoción do deporte, co obxectivo de ofrecer unha visión ampla e plural do ecosistema deportivo da provincia.

Ao longo das súas edicións, estes galardóns teñen distinguido a referentes do deporte galego e estatal, como a atleta ribeirense Ana Peleteiro ou o xogador de hóckey a patíns César Carballeira, así como a clubs históricos e proxectos deportivos de primeiro nivel como o RC Deportivo, o Básquet Coruña ou o Baxi Ferrol, evidenciando o alto nivel e diversidade do deporte coruñés.

Esta IV Gala porá o broche final ao proceso de selección das candidaturas, no que participaron deportistas e entidades de toda a provincia, nun evento que busca visibilizar tanto as grandes figuras como o traballo constante e silencioso de centos de persoas que fan posible que o deporte chegue a todos os recunchos do territorio.

A entrada ao acto é libre gratuíta ata completar aforo. A Gala contará cun formato dinámico e participativo, combinando a entrega de premios con diferentes intervencións, vídeos e actuacións, nunha celebración que pon en valor o deporte como ferramenta de cohesión social, promoción de hábitos saudables e igualdade de oportunidades.

Lea también

La ciudad departamental celebra la XVIII Bandeira de traiñeiras Cidade de Ferrol

El concejal de Deportes, Ricardo Aldrey presenta la XVIII Bandeira de traiñeiras Cidade de Ferrol, …