Haberá un límite de 15 permisos para desenvolver a actividade en todos os areais do municipio, agás Campelo, reservado para o surf libre.
O Concello de Valdoviño aprobou en pleno as bases nas que se recollen as condicións que rexerán o proceso para a concesión de
autorizacións municipais para a actividade das escolas de surf nas praias do municipio. A proposta contou cos votos favorables do PSOE e PP e en contra do BNG. O texto publicarase agora no Diario Oficial de Galicia, e a partir de entón, abrirase un prazo de 10 días naturais para que as escolas interesadas presenten solicitude.
O trámite administrativo dáse despois de que o pasado 25 de febreiro, a Consellería de Medio Ambiente informase favorablemente á petición do Concello de asumir a competencia no tocante ás autorizacións para a ocupación e utilización dos terreos e bens de dominio público marítimo-terrestre mediante as instalacións e actividades descritas no plan municipal de explotación dos servizos de tempada. Unha condición imprescindible despois de que o Goberno central traspasase ao autonómico as funcións e servizos en materia de ordenación e xestión do litoral.
En todo caso, e co visto bo da Xunta, a situación manterase en Valdoviño, xa que a Administración local era a encargada das autorizacións. En 2021, o Concello botaba a andar a regulación do uso de praias co obxectivo de garantir unha ocupación racional e sostible compatible coa actividade das escolas de surf, evitando a sobrecarga dos areais.
Un ano despois, incorporaba novidades como o requisito de promover algunhas accións de carácter educativo, cultural, social ou medio ambiental que, na práctica, permitiron ofertar á veciñanza sesións de iniciación ao surf ou paddle surf, charlas, concursos escolares ou mesmo xornadas de recollida de residuos en praias.
Coas bases aprobadas hoxe, ampliarase a 15 o tope de escolas autorizadas en todo o municipio salvo Campelo, que queda reservado para a práctica do surf libre, e os permisos serán para toda a tempada (os 12 meses do ano), cunha vixencia anual con posibilidade de 3 prórrogas. A autorización tramitarase a través dun proceso aberto en réxime de concorrencia competitiva.
Entre os criterios a valorar: o plan de explotación, calidade e interese público da proposta, con 30 puntos; o arraigo con 25; a cualificación do persoal, as medidas de seguridade e emerxencias e as medidas ambientais e de protección do litoral, cada un con 15 puntos.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
