Narón amplía o seu programa de caixas niño con novos modelos para aves urbanas

O Concello de Narón continúa a desenvolver o seu proxecto de fomento da biodiversidade e, tras a boa acollida que tivo a iniciativa entre a cidadanía e os centros educativos en anos anteriores, volve contar coa colaboración do CIFP Ferrolterra e do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz para a elaboración de novas caixas niño.

Nesta ocasión, a principal novidade é que as caixas están deseñadas especificamente para aves urbanas e poden colocarse en fachadas de edificios, polo que non é necesario que os centros educativos dispoñan de árbores para instalalas. Ademais, os veciños que conten con terrazas en zonas urbanas tamén poderán solicitalas.

O concelleiro de Medio Ambiente de Narón, Manuel Ramos, destacou que esta iniciativa “permite seguir avanzando na protección da biodiversidade urbana e, ao mesmo tempo, implicar á cidadanía e aos centros educativos nun proxecto ambiental que xa demostrou ter unha grande aceptación no municipio”. Ramos subliñou tamén a importancia da colaboración cos centros formativos, xa que “ademais de contribuír á conservación de especies como o pardal ou o cirrio, este programa serve para que o alumnado participe nun proxecto con impacto real no territorio”.

Por unha banda, o Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz elaborou 11 caixas niño triples para pardais, que deben instalarse en paredes a unha altura mínima de dous metros. Estas unidades estarán destinadas prioritariamente aos centros educativos do municipio.

Pola súa parte, o CIFP Ferrolterra fabricou 100 caixas niño individuais para pardais, cun orificio de entrada de 3,5 centímetros. Estas poden colocarse tanto en paredes como en árbores e, ademais de pardais, poden ser ocupadas por outras especies de aves frecuentes en parques e xardíns urbanos, como os ferreiriños.

Por último, e tras o éxito da convocatoria do pasado ano, tamén se elaboraron 150 caixas niño para cirrios, para aquelas persoas que quedaran en lista de agarda na edición anterior e a novos solicitantes interesados.

No caso dos cirrios, as caixas deben colocarse a unha altura mínima de cinco metros, preferiblemente máis elevada, e coa fronte de entrada completamente libre de obstáculos, como árbores. A orientación tamén é clave: recoméndase evitar a exposición directa ao sur para reducir a insolación e as altas temperaturas durante o verán. Ao tratarse dunha especie colonial, é recomendable instalar polo menos dúas caixas xuntas. Ademais, estas caixas presentan a vantaxe de que non requiren limpeza anual, xa que os cirrios non permanecen nelas fóra da época de cría.

Como en edicións anteriores, as persoas que soliciten as caixas niño poderán levar tamén as dúas guías elaboradas polo Concello de Narón para o fomento da biodiversidade.

Lea también

O tenis de mesa galego cita en Narón ás promesas da base

O pavillón do Campo da Serra de Narón será escenario esta fin de semana, o …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *