A Biblioteca Municipal das Pontes “Enrique Rivera Rouco” vén de convocar o IV Concurso de Marcapáxinas, unha iniciativa que se organiza con motivo da celebración do Día do Libro, co obxectivo de fomentar a creatividade e o gusto pola lectura entre a veciñanza máis nova.

Nesta edición, o concurso leva por título “Misterio na Biblioteca”, unha temática inspirada no 50 aniversario do pasamento de Agatha Christie, unha das escritoras de misterio máis lidas de todos os tempos. A proposta convida ás persoas participantes a deixar voar a imaxinación a través de ilustracións que poden incluír detectives, pistas ocultas, enigmas ou libros cheos de segredos.
O certame establece cinco categorías de participación: infantil; primeiro ciclo de primaria (1o e 2o curso); segundo ciclo de primaria (3o e 4o); terceiro ciclo de primaria (5o e 6o); e unha categoría especial dirixida a persoas con diversidade funcional.
Os traballos deberán presentarse nun rectángulo de 17,5 x 6 centímetros, en cartolina ou papel e realizados por unha soa cara. As persoas interesadas poden recoller a plantilla na propia biblioteca. No reverso do marcapáxinas deberán figurar os datos da persoa participante: nome e apelidos, dirección e teléfono, idade e categoría na que participa.
O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 15 de abril de 2026, e os traballos deberán entregarse na Biblioteca Pública Municipal das Pontes.
O xurado estará presidido pola concelleira de Cultura do Concello das Pontes e contará coaparticipación de persoal bibliotecario e de persoas vinculadas ao ámbito da cultura e da arte. Na valoración teranse en conta aspectos como a orixinalidade, a composición, a calidade do deseño e a adecuación ao tema proposto.
A entrega de premios celebrarase o 23 de abril de 2026, coincidindo co Día do Libro, nas instalacións da biblioteca. O xurado seleccionará un traballo gañador en cada categoría, que recibirá un agasallo e verá o seu deseño impreso como marcapáxinas oficial. Ademais, con todos os traballos presentados organizarase unha exposición na Biblioteca Municipal, co fin de dar a coñecer as creacións das persoas participantes.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.