A Serra gaña o XI Concurso de Tapas de Entroido de Narón co “Can Cocido by Leiras Food”

O restaurante A Serra, situado en Pedroso, proclamouse gañador do XI Concurso de Tapas de Entroido de Narón coa súa proposta «Can Cocido by Leiras Food», unha creación que reinterpretaba o tradicional cocido galego nun formato innovador.
 
 
A tapa estaba elaborada con pan de pataca sobre cama de grelo, embutido de cachola, touciño, costela e lacón, acompañada de crema de chourizo, salsa de sopa de cocido e crocante de garbanzo. O trofeo recollérono esta mañá Dámaso e Uxía López Sueiras, irmáns e xerentes do establecemento, que agradeceron o recoñecemento e a boa acollida da súa proposta entre a clientela participante na ruta gastronómica.
 
Durante o acto tamén se realizou o sorteo de tres cestas con productos locais entre as persoas que participaron coas súas votacións a través da nova app Narón Gastronómico. As persoas gañadoras foron Almudena Alonso Leal, Luis Santiago González e Daniel García Espasandín, dous deles procedentes de Ferrol e un da Coruña.
 
Na entrega dos premios participaron a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro. A rexedora destacou que iniciativas deste tipo “contribúen a dar visibilidade ao gran traballo que realiza a hostalería naronesa, un sector que está a vivir un bo momento e que demostra a súa capacidade creativa e de atracción de visitantes”.
 
Ferreiro subliñou ademais que o feito de que os clientes premiados procedan doutros concellos “é unha mostra de que Narón se consolida tamén como destino gastronómico na comarca, atraendo público que se achega a descubrir as propostas dos nosos locais”.
 
Pola súa banda, Olga Ameneiro agradeceu a implicación dos establecementos participantes e destacou “o alto nivel das tapas presentadas nesta edición, nas que se puido ver unha interesante combinación de tradición e innovación arredor dun prato tan representativo do Entroido como é o cocido”. A concelleira sinalou tamén que o concurso, que celebrou a súa XI edición, “segue a medrar e a consolidarse como unha cita moi agardada, que dinamiza a hostalería local e anima á veciñanza e aos visitantes a percorrer os locais de Narón”.
 
Nesta undécima edición participaron nove establecementos: Australian Cervecería, Bar Chips, O Tapeo, Ronnie, Fame Kanalla, O Encontro de Soriano, Nueva Orleans, Mesón La Abuela e A Serra – Leiras Food.
 
Durante varios días ofreceron as súas creacións ao prezo de tres euros, con propostas que reinterpretaron o cocido galego en formatos orixinais, desde brioche recheos de cachucha ata burritos, buñuelos gourmet ou versións en hot dog.

Lea también

BNG exixe ao Goberno respectar as adxudicacións das vivendas da SAREB en Narón

Néstor Rego demanda transparencia e solucións inmediatas para as persoas que levan máis de ano …