Aberto en Narón o prazo para reservar plaza na ludoteca este verán

Os grupos, organizados por idades entre 3 e 12 anos, funcionarán de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas do 22 de xuño ao 4 de setembro.
 
 
O Concello de Narón informa de que están abertas as inscricións para a Ludoteca municipal durante os meses de verán.
 
O prazo pecha o próximo día 19, e a atención ao público para formalizar a matrícula realízase de luns a venres de 19:00 a 20:00 horas na propia ludoteca, situada na rúa Cardenal Cisneros, 2.
 
O programa de verán principia o 22 de xuño e prolongarase ata o 4 de setembro, con agosto pechado por vacacións.
 
Durante o período estival, o horario de atención será de 13:00 a 14:00 horas, franxa na que tamén se poderán facer consultas ou solicitar información.
 
A ludoteca oferta grupos diferenciados por idades para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Os luns e mércores funcionarán o grupo Cangrexos —de 3 a 6 anos, con 20 prazas— e o grupo Centolos —de 7 a 12 anos, con outras 20 prazas—.
 
Os martes e xoves haberá actividade cos grupos Luras —de 3 a 6 anos— e Xibas —de 7 a 12 anos—, tamén con 20 prazas cada un.
 
Os venres quedan reservados para os grupos de mestura: Mestura 1, para nenos e nenas de 6 e 7 anos, e Mestura 2, para os de 8 a 12 anos.
 
No caso de non cubrirse as prazas do grupo Mestura 1, o límite de idade poderase reducir progresivamente ata os 4 anos.
 
En todos os casos o horario é de 10:00 a 13:00 horas.
 
Cada menor pode inscribirse un máximo de tres días semanais, sendo os venres un día complementario, sempre que se respecte o grupo de idade correspondente e haxa prazas dispoñibles.
 
Para máis información, a ludoteca atende no teléfono 981 38 92 84 ou no correo electrónico ludoteca@naron.gal.

Lea también

Narón inicia este venres coa andaina solsticial unha nova edición das Lendas da Pena Molexa

Narón celebra os días 12 e 20 de xuño a Recreación das Lendas da Pena …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *