Inscricións abertas en Valdoviño nunha nova ruta guiada polo «sendeiro equipado» das Ferrerías

Celébrase o 21 de marzo, con prazas limitadas e preferencia para as persoas empadroadas no Concello de Valdoviño.

O Concello de Valdoviño abre inscricións nunha nova ruta polo «sendeiro equipado» das Ferrerías. Celebrarase o vindeiro sábado 21 de marzo, e será a terceira camiñada guiada organizada pola concellería de Turismo e Cultura dende que, a finais do mes de novembro, se habilitase o itinerario, o primeiro destas características no municipio e un dos poucos existentes en Galicia.

Son 5 quilómetros lineais paralelos ao cauce fluvial, que parten do aparcadoiro da praia de Vilarrube e alcanzan a contorna do encoro das Forcadas. Unha zona virxe e salvaxe salpicada de fermosos saltos de auga, accesible agora coa instalación de grapas e pasamáns para salvar certos obstáculos presentes nalgúns tramos. A volta é doutros 5 km, por un camiño alternativo. Todo está sinalizado, e a firma Portal Norte, que guiará o percorrido, realiza por encargo do Concello a limpeza e mantemento durante todo o ano.

Desta volta, as persoas empadroadas en Valdoviño terán preferencia para acceder ás 20 prazas que se ofertan na ruta. Para anotarse, dende xa e ata o 18 de marzo, é preciso enviar un whatsapp ao número 648 877 780 sinalando nome e apelidos, DNI, data de nacemento e lugar de empadroamento.

A ruta arrincará ás 10 horas, cunha duración estimada de 4 horas e dificultade media- alta. No caso de menores de idade, deberán ir acompañados dunha persoa adulta. Tamén é obrigatorio levar calzado de montaña con bo agarre, roupa adecuada, impermeable, luvas e auga.

Lea también

O Concello de Neda programa o sábado 21 de marzo a andaina “Avanzando en igualdade”

O Concello de Neda organiza a vindeira semana unha nova edición da andaina “Avanzando en …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *