Onte lúns celebrouse na Casa Dopeso de As Pontes a inauguración da oitava edición do Programa de Democratización do Coñecemento da Universidade Sénior da Universidade da Coruña, unha iniciativa formativa dirixida a persoas maiores de 50 anos. Nesta nova edición participan un total de 86 persoas.
A Universidade Sénior, o programa universitario para maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, pon así en marcha unha nova edición desta proposta educativa específica, que conta co financiamento da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello das Pontes de García Rodríguez.
As sesións desenvolveranse durante os meses de marzo e abril na Casa Dopeso. O programa estrutúrase en tres módulos temáticos compostos por sesións teóricas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña. As actividades celebraranse dous días á semana, en horario de 17:00 a 19:00 horas, e abordarán unha ampla variedade de cuestións de interese social, cultural, científico e sanitario.
Ao acto de inauguración asistiron a subdirectora da Universidade Sénior, Elena Arce Fariña, e a concelleira de Benestar Social, Igualdade, Educación e Contratación, Tania Pardo Cabarcos.
O programa comezou co módulo de Humanidades e Ciencias Sociais, que inclúe as sesións “O xigante esperto: China, a gran descoñecida”, impartida por Iván Nieto Cerdeiriña o 9 de marzo; “Arte de vangarda: manual de instrucións”, a cargo de Fernando Agrasar Quiroga o 11 de marzo; e “A xustiza penal en España: mitos e realidades”, impartida por Eva Ma Souto García e J. Antonio Ramos Vázquez o 16 de marzo.
O segundo bloque, dedicado ás Ciencias da Terra e á Tecnoloxía, desenvolverase coas sesións “A revolución dixital na xestión da auga”, impartida por Antonio J. Díaz Longueira o 23 de marzo; “O coche do futuro moverase con hidróxeno?”, a cargo de Socorro Castro García o 25 de marzo; e “Enerxías renovables e transición ecolóxica: o papel da cidadanía”, impartida por José Antonio Cortés Vázquez o 6 de abril.
O programa completarase co módulo de Ciencias da Vida e da Saúde, que inclúe as conferencias “Cerebro: memoria, sono e rock and roll”, impartida por Casto Rivadulla Fernández o 7 de abril; “Evolución ou extinción: eu decido”, a cargo de Esther Fernández Fernández o 8 de abril; e “Cambio climático: causas, consecuencias e solucións”, impartida por Salvador Fojón Polanco o 13 de abril.
Con este programa, a Universidade Sénior reafirma o seu compromiso de achegar a formación universitaria ás persoas maiores de 50 anos das Pontes, dando continuidade a unha liña de traballo orientada a responder ás súas inquedanzas e necesidades formativas desde a posta en marcha desta iniciativa no ano 2018.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
