O Concello de Valdoviño celebraba el pasado sábado pola tarde o acto central da programación municipal do Día internacional da muller. Ante un auditorio cheo ata a bandeira, recoñeceuse a figura de María Jesús García Funcasta (Chus), figura clave no movemento asociativo da localidade. O alcalde Alberto González, facíalle entrega do galardón 8M, antes da estrea teatral do Grupo do Centro Cultural Rosalía.
A concelleira de Igualdade Tamara Sabín abría o acto facendo unha pequena semblanza da homenaxeada, destacando a capacidade e dedicación de quen foi a primeira muller na xunta directiva da AVV Lago, así como as actividades e proxectos que, coa súa aportación, se impulsaron para transformar a parroquia (local social, pista polideportiva…)
Pola súa banda o rexedor municipal, subliñou o “traballo calado, pero serio e constante” desenvolvido por Chus, así como o seu permanente empeño por mellorar, con pequenas acción cotiás, as oportunidades e a calidade de vida da xente da parroquia de Lago, constituíndo un “exemplo para toda a sociedade”.
Tras recibir o galardón, unha peza de artesanía creada para a ocasión por Mai Cerámica, María Jesús Garcia Funcasta asegurou sentirse “moi honrada” pola distinción e puxo en valor o “apoio e respecto” recibido sempre polos compañeiros nos vinte anos que foi directiva da asociación, ademais do respaldo brindado pola súa familia e mesmo pola que foi a súa empresa (Gairesa). Rematou a intervención recordando que o Día internacional do home é o 19 de novembro.
O nome de María Jesús García Funcasta súmase aos de Mercedes Varela (AVV Vilarrube), Mercedes González (ACR A Frouxeira de Valdoviño) e Ana María Bouza (Centro Cultural Rosalía de Vilaboa), recoñecidas nos anos precedentes. Mulleres coas que a homenaxeada do 2026 compartiu traballo e compromiso.
O evento concluíu coa estrea da segunda produción do grupo de teatro do Centro Cultural Rosalía de Vilaboa, aos que a concelleira de Cultura, Rosana García, agradecía “a súa volta aos escenarios, a boa disposición a colaborar co Concello, e a súa aposta por poñer en valor o rural galego”.
«Mulleres en tempos dalgún día», escrita e dirixida pola citada Ana María Bouza, bota man do humor e da retranca para dar visibilidade á realidade cotiá das mulleres galegas no século XX, denunciando situacións de desigualdade habituais que se vivían e aínda se viven. Un traballo concibido para este día, que tivo unha excelente acollida por parte do público.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

