O Campus Industrial de Ferrol acolle a primeira microcredencial sobre dixitalización industrial que Siemens lanza en España

Un total de 40 estudantes de grao e de máster da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) cursarán, ao longo deste 2026, sen horarios e ao seu propio ritmo, a microcredencial “Expedite – Skills for Industry”,
desenvolvida por Siemens Digital Industries Software. Trátase dunha formación en liña, de 50 horas de duración e totalmente gratuíta para o alumnado da Universidade da Coruña (UDC) que nace como un dos primeiros proxectos
piloto destas características que a empresa de fabricación industrial alemá lanza en Europa e o primeiro en España.

Ao acto de inauguración da microcredencial que tivo lugar onte, mércores 18 de febreiro, no Campus Industrial de Ferrol asistiron, entre outros, Ana Ares, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social; Juan Oliveira, director do técnico do Centro de Excelencia do Sector Naval (Cesena), Javier Fernández, director do Cesena Siemens Digital Industries Software, e Vicente Díaz, director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF),

A formación que este, xoves 19 de febreiro, arrincou no Campus Industrial de Ferrol está dirixida a aquel alumnado e a aquelas persoas profesionais do eido da enxeñaría que buscan mellorar a súas competencias profesionais neste
campo. O estudantado inscrito nesta microcredencial conectará a teoría adquirida nas aulas con coñecementos do mundo real, centrados no ciclo de vida do produto e nas aplicacións de tendencia da Intelixencia Artificial (IA), no
xemelgo dixital, na enxeñaría sostible ou na internet das cousas (IoT). A maiores, esta formación introduce e fortalece determinadas capacidades críticas no lugar de traballo como poden ser a colaboración, a xestión de
proxectos, os procesos e solucións empresariais ou mesmo a xestión de riscos.

Unha vez superada a microcredencial, o alumnado participante recibirá unha insignia dixital verificable o que lle brindará unha oportunidade única para diferenciarse nun panorama altamente competitivo.

Con esta iniciativa, o Campus Industrial de Ferrol pon novamente de manifesto o seu compromiso coa posta en marcha de formacións innovadoras, conectadas coa industria e orientadas a mellorar a empregabilidade do
estudantado. Do mesmo xeito, tamén o sitúa como referente na incorporación de novas fórmulas de acreditación da aprendizaxe aliñadas coas tendencias internacionais no eido da educación superior. O éxito de acollida da
microcredencial “Expedite – Skills for Industry”, na que quedaron máis de 30 persoas en lista de agarda, dá boa mostra disto.

A Aula Navantia-Siemens, un espazo pioneiro e inaugurado en 2022

A relación entre a Universidade da Coruña (UDC) e Siemens Digital Industries Software viuse reforzada en 2022 coa creación da Aula Navantia-Siemens, situada no Edifico de Talleres, adscrito á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Neste espazo pioneiro, o alumnado ten acceso ás ferramentas dixitais que emprega o estaleiro público para deseñar os seus buques e a súa creación forma parte dun dos eixos estratéxicos do Centro de Excelencia del Sector Naval (Cesena) que Siemens ten na cidade departamental, o da formación.

Baseada na contorna do xemelgo dixital, a Aula Navantia-Siemens do Campus Industrial de Ferrol permite deseñar un buque completo, desde a súa concepción inicial e simulación ata a fase final de servizo e mantemento.
Foto: de esquerda a dereita, Ana Ares, vicerreitora do Campus de Ferrol e
Responsabilidade Social; Juan Oliveira, director do técnico do Centro de
Excelencia do Sector Naval (Cesena), Javier Fernández, director do Cesena
Siemens Digital Industries Software, e Vicente Díaz, director da Escola
Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), durante o acto de inauguración da
microcredencial que tivo lugar onte, mércores 18 de febreiro, no Campus
Industrial de Ferrol.

Lea también

El Campus Industrial de la UDC y el Concello de Ferrol organizan los ‘Faladoiros literarios’

La literatura toma protagonismo en el estreno del ciclo ‘Faladoiros literarios’ organizado por el Campus …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *