Formoso aborda con correos a mellora do servizo postal nas Pontes

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, mantivo onte unha reunión de traballo co director provincial de Correos na provincia da Coruña para abordar a situación do servizo postal no municipio e analizar medidas de mellora inmediatas.

O encontro centrouse de maneira prioritaria na necesidade de reforzar o cadro de persoal da oficina de Correos das Pontes. O rexedor trasladou a necesidade de garantir un servizo postal estable, áxil e eficiente, que dea resposta ás necesidades da veciñanza.

González Formoso insistiu en que o reforzo da plantilla resulta fundamental para asegurar os tempos de reparto e evitar demoras que afectan directamente á cidadanía. Neste sentido, destacou a importancia de manter unha prestación adecuada do servizo, especialmente no que atinxe á regularidade e puntualidade na distribución da correspondencia. Durante a reunión tamén se abordaron cuestións relativas á cobertura de baixas e vacantes e á conveniencia de establecer mecanismos de coordinación permanente entre o Concello e Correos para facer seguimento da situación.

Pola súa banda, o director provincial de Correos amosou a súa disposición a estudar a situación exposta polo Concello e a avaliar posibles actuacións que permitan mellorar o funcionamento do servizo nas Pontes.

O alcalde agradeceu a receptividade amosada e reiterou o compromiso do Concello de seguir defendendo a necesidade de manter e reforzar os servizos públicos nas Pontes, como elemento clave para a calidade de vida da súa veciñanza.

Lea también

A Deputación da Coruña apoia a Banda de Música das Pontes e ao Museo Etnográfico Monte Caxado

O presidente, Valentín González Formoso, visitou os ensaios da banda municipal e as instalacións do …