O Padroado de Deportes do Concello de Narón abriu o prazo de inscrición para participar na V Carreira e Andaina pola Igualdade, que se celebrará o domingo 8 de marzo coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller.
A cita deportiva, organizada polo organismo municipal co control técnico da Delegación en Ferrol da Federación Galega de Atletismo, desenvolverase no entorno da Gándara e está aberta á participación de persoas de todas as idades.
A proba foi presentada pola alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, xunto co concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e a concelleira de Igualdade, María Lorenzo, e enmárcase no III Plan de Igualdade municipal. Segundo explicaron, a xornada comezará ás 10:00 horas coas probas das categorías menores, mentres que a carreira absoluta dará inicio ás 11:00 horas.Cinco minutos despois, ás 11:05 horas, arrancará a andaina popular, unha modalidade pensada para fomentar a participación cidadá nun evento que une deporte e sensibilización social arredor da igualdade.
A competición inclúe a categoría absoluta de 5 quilómetros, sub 16 e sub 18, sub 12 e sub 14, sub 10 e prebenxamín, ademais das modalidades de camiñada para persoas adultas e camiñada para menores, consolidándose como unha cita deportiva xa asentada no calendario local e orientada a promover hábitos saudables e valores de igualdade a través do deporte.
O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 4 de marzo ás 23:59 horas e a inscrición, cun custo de 4 euros, pode formalizarse a través da páxina web https://atletismo.gal/competicions/v-carreira-pola-igualdade-concello-de-naron/.
A retirada de chips e dorsais realizarase no Pavillón da Gándara o venres 6 de marzo, de 16:00 a 20:00 horas; o sábado 7, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas; e o propio domingo día 8 entre as 08:30 e as 09:30 horas.
Desde a organización recoméndase acudir nos días previos para evitar retrasos ou incidencias o día da proba. As persoas participantes disporán de servizo de aseos e duchas no Polideportivo Municipal da Gándara, instalación na que tamén poderán deixar as súas pertenzas durante o desenvolvemento da actividade. No apartado de premios, a organización recoñecerá nas categorías absolutas as tres primeiras mulleres e os tres primeiros homes clasificados.
Nas categorías non oficiais tamén se entregarán premios ás tres primeiras e aos tres primeiros participantes de cada unha delas. Ademais, concederase un galardón especial á participante feminina de maior idade que complete a carreira. No caso das categorías de menores, todas as persoas participantes recibirán medalla conmemorativa.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

