Grande aceptación do público profesional ás propostas presentadas, con reinterpretacións de pratos tradicionais levadas a outro nivel por cociñeiros e cociñeiras de referencia.

A Deputación da Coruña estreouse este luns en HIP–Horeca Professional Expo, cunha primeira xornada centrada na cociña en directo, as presentacións de produto e os obradoiros de harmonías dirixidos ao público profesional. Baixo o paraugas da campaña ‘A paisaxe que sabe’, a cociña atlántica conquistou o público profesional que se achegou ao posto da institución provincial.

Parte dese interese debeuse tamén a que algúns dos pratos presentados son reinterpretacións de elaboracións tradicionais da gastronomía galega, levadas a outro nivel por cociñeiros e cociñeiras de primeira categoría. A institución provincial acode a HIP con tres restaurantes —un deles con estrela Michelín— e nove representantes da cadea de produción e distribución de alimentos da provincia, configurando unha mostra ampla do potencial enogastronómico coruñés.
Representación da cadea de valor enogastronómica
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, explicou que esta primeira presenza en HIP permite amosar «unha representación da cadea de valor enogastronómica da nosa provincia». «Trouxemos a Madrid tres bos restaurantes: hoxe estivo connosco Beatriz Sotelo, de Illas Gabeiras, mañá estará As Garzas e o mércores estará Miga», sinalou, en referencia aos establecementos que protagonizan as demostracións culinarias das tres xornadas.
Ademais da restauración, o vicepresidente subliñou a presenza do sector produtor e distribuidor, nove empresas en total, que acompañan a Deputación nesta edición. Segundo destacou, trátase de produtos «de altísima calidade» que amosan o potencial da campaña ‘A paisaxe que sabe’, na que a institución provincial continúa a traballar como eixo da súa estratexia de promoción.
A eclipse solar, eixo da acción turística en 2026
Regueira engadiu que o posto da Deputación tamén «reflicte, dalgunha maneira, a actividade turística que será o centro da nosa acción neste ano 2026», vinculada á eclipse solar do vindeiro 12 de agosto. Definiu este fenómeno como «único, que só pasa unha vez na vida dunha persoa» e salientou que poderá gozarse de maneira especial na provincia da Coruña, que conta con dous Destinos Starlight: A Costa da Morte e As Mariñas Coruñesas.
Resumo da primeira xornada
Ao longo da mañá e da tarde sucedéronse as presentacións e degustacións protagonizadas por produtores da provincia e o showcooking de Beatriz Sotelo, do restaurante Illas Gabeiras de Ferrol, que elaborou mexillón de Lorbé con escabeche suave e fabas con ameixas e alga codium. A programación completouse cun taller de harmonías conducido polo sumiller Alejandro Paadín e con novas degustacións de produto, configurando unha mostra diversa da cadea agroalimentaria coruñesa no recinto feiral de IFEMA.

A programación continuará mañá martes, día 17, cun esquema similar que volverá combinar almorzos, presentacións de produto, showcookings e harmonías no posto provincial. A xornada abrirá ás 11:00 cun almorzo con galletas Martietas de Fío, de Bergondo, seguido ás 12:00 da presentación e degustación de Empanadas Ternura, da Coruña, e ás 13:00 da proposta de xudión con nécora de Laxe de La Despensa D’Lujo, de Coristanco.

Ás 14:00 e ás 16:00 horas será a quenda do restaurante As Garzas (1* Michelín), de Barizo (Malpica de Bergantiños), co showcooking a cargo de Eva Fares e Xurxo Agrasar, que elaborarán porro confitado con salsa holandesa afumada e chícharo bágoa de Coristanco con pilpil de algas. Entre ambas sesións, ás 15:00, desenvolverase un taller de harmonías conducido por Alejandro Paadín, centrado nos viños da IXP Barbanza e Iria e nas conservas de A Conserveira.

A xornada pecharase ás 17:00 coa presentación e degustación de navallas ao alliño de A Conserveira de Ribeira maridadas con Vermut Lodeiros, de Santiago de Compostela, e ás 18:00 cunha nova degustación de lacón asado de porco celta de Cien por Cel, de Santiago de Compostela.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.