Pontedeume anuncia a segunda edición de ‘Merca Queixo’

Terá lugar os días 25 e 26 de abril na alameda de Raxoi da vila eumesa.

Alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro-archivo

O Concello de Pontedeume anuncia que haberá segunda edición de Merca Queixo, a Feira de Queixos de Pontedeume, os días 25 e 26 de abril de 2026.  O evento estará organizado unha vez máis polo Concello, contando co patrocinio da Deputación da Coruña e Leche Celta e coa colaboración de UCOA, Campo Capela e Bico de Xeado. 

O alcalde Bernardo Fernández Piñeiro sinala que «xa sabíamos dende o principio que Merca Queixo sería un evento con continuidade e destinado a converterse nunha tradición na nosa vila, e despois do éxito da primeira edición non podía ser doutro xeito».  «A feira volve con máis forza que nunca para seguir reivindicando e dando continudade á extensa tradición queixeira de Pontedeume» engade Fernández Piñeiro. 

Pola súa banda, a concelleira de Turismo e Promoción Económica, Ángela Piñeiro Carrera, convidou á veciñanza a «acudir a Merca Queixo para volver desfrutar do apaixoante mundo deste alimento da man da gran variedade de produtores, sabores e experiencias que traeremos de novo ao municipio». 

«Un ano máis contaremos con numerosas queixerías de diferentes lugares e cun amplo programa de actividades e eventos que axiña iremos desvelando», apunta a concelleira.  «Queremos aproveitar para darlle as grazas ás entidades patrocinadoras e colaboradoras por facer posible que esta cita vaia ser de novo unha realidade en Pontedeume», conclúe. 

A II edición de Merca Queixo terá lugar, ao igual que no pasado ano 2025, na alameda de Raxoi da vila eumesa.

Xa está aberto o prazo para que as queixerías opten a participar no evento, que pechará o día 28 de febreiro ás 14:00 horas. A ligazón á folla de inscrición está dispoñible no perfís de redes sociais de Merca Queixo, en Facebook e en Instagram.  

Bernardo Fernández Piñeiro indica que se trata dunha «grande oportunidade para queixerías que queira darlle visibilidade aos seus produtos e intercambiar experiencias e coñecementos co resto de axentes do sector». 

Lea también

Neda aumenta su población por segundo año consecutivo

La cifra propuesta por el INE apunta la tendencia positiva, tras décadas de pérdidas. Neda …