Os concelleiros de FeC, Nerea P. Carballeira e Jorge Suárez, mantiveron unha xuntanza no local social da AVV en Serantes coa súa directiva, co fin de abordar os problemas do barrio que merecen atención especial, do que se dará conta nos días próximos, sobre todo no relativo a mantemento de ríos, déficit de aglomerados ou dificultade de aparcamento nun entorno densamente poboado.

«Hai unha cuestión que ten unha importancia crucial e que merece unha atención urxente: a Escola Politécnica de Serantes. Logo de tres intentos de poxa sen que houbera ningunha oferta de adquisición, e despois de máis de tres anos, o edificio require de decisións urxentes, antes de que a degradación pola falta de uso ocasione un descenso de valor ou un deterioro irremediable, tal e como aconteceu nas instalacións de defensa froito do convenio. O momento é este, cando o prezo público pasou de 7,5 a 4,7 millóns de euros e con facultades por todas as administracións a unha negociación amparada pola lei».

Dende Ferrol en Común a proposta é clara: «vivimos nunha cidade que leva na última década ocupando os primeiros lugares do Estado en canto a envellecemento, sendo case unha de cada tres persoas maiores de 65 anos. A nosa residencia pública está colapsada, cunha lista de agarda que fai case imposible acceder a ela, e as privadas custan de media máis de 1800 euros. É un dato público que en Galicia fan falta máis de 11.000 prazas de residencias de maiores».
«Un de cada catro maiores vive so na nosa cidade. Xa foron requiridas actuacións urxentes para evitar a soidade non desexada a través dunha moción no pleno presentada polo noso grupo. As administracións públicas deben actuar alí onde se necesita, máis alá de actuacións ornamentais ou por gañar a batalla pública, FeC demanda feitos concretos con investimentos reais».

Por iso Ferrol en Común demandan de Concello e Xunta a «iniciar unha negociación inmediata para a adquisición da Escola Politécnica de Serantes, e á redacción dun proxecto construtivo para unha Residencia de Maiores pública, que podería ter máis de 250 prazas, con amplas zonas verdes, centro de saúde nas inmediacións, boa comunicación con transporte público, e que daría resposta a toda a poboación da zona rural que carece deste servizo».
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.