Narón investirá máis de 1,4 millóns en obras con cargo ao POS+2026

Pleno de Naron el 29 enero 2026

O Pleno do Concello de Narón aprobou na súa primeira sesión ordinaria do ano a adhesión ao Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS+ 2026) da Deputación da Coruña, cunha achega global de 1,68 millóns de euros que irán destinados principalmente á execución de obras e á mellora de infraestruturas.

No apartado de investimentos, inclúese a creación dun aparcadoiro disuasorio no Ponto, cun orzamento de 131.809 euros, así como tres actuacións financiadas con fondos de 2025: a adaptación do primeiro andar do antigo centro de saúde para unha ludoteca municipal, a reurbanización da rúa Santa Tecla e a renovación do firme en rúas de Freixeiro, A Gándara e outros barrios, cun importe conxunto próximo aos 870.000 euros.

O acordo incorpora tamén un plan complementario para 2026 que prevé a renovación de servizos e a mellora da contorna das vivendas da Mariña, cun investimento superior aos 423.000 euros.

Estas actuacións están cualificadas como financeiramente sostibles e serán executadas directamente polo Concello, que garante a dispoñibilidade dos terreos e as autorizacións necesarias.

Xunto ás obras, o Concello destinará 687.391 euros do POS+2026 a cubrir gastos correntes, fundamentalmente relacionados coa limpeza viaria e o mantemento dos servizos municipais. Este apartado permitirá sufragar parte dun gasto global que supera os 1,6 millóns de euros, asumindo o resto con fondos propios, co obxectivo de reforzar o funcionamento ordinario da administración local.

Outras propostas aprobadas

Xunto ao POS+ 2026, o Pleno aprobou a proposta para definir a futura modalidade de xestión do ciclo integral da auga mediante un contrato de concesión de servizos, unha vez finalice o actual contrato coa empresa concesionaria, e iniciar o correspondente expediente de contratación conforme á lexislación vixente.

Ademais, o Pleno deu luz verde por unanimidade á modificación inicial da Base nº 48 das Bases de execución do orzamento, co obxectivo de incorporar subvencións nominativas pendentes do exercicio 2025. Estas axudas destinaranse, entre outras entidades, á Asociación Galega de Apicultura, Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol, ao Centro de Recursos Solidarios de Narón, ao Fondo Galego de Cooperación e á Asociación de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, reforzando así a rede local de apoio social e comunitario.

Mocións

No apartado de mocións, o Pleno aprobou unha iniciativa conxunta presentada polo procedemento de urxencia por TEGA, BNG e PSdeG-PSOE para instar á Xunta de Galicia a implicarse de maneira directa na resolución do conflito laboral no sector do transporte de viaxeiros por estrada.

A moción reproba a falta de actuación do Goberno autonómico ante o bloqueo da negociación por parte da patronal e critica a súa escasa implicación como autoridade laboral e responsable da garantía dun servizo público esencial.

Neste sentido, reclama que a Xunta convoque reunións coa representación sindical e esixa ás empresas concesionarias que negocien de boa fe, co obxectivo de garantir condicións laborais dignas e evitar unha folga indefinida.

Ademais, saíu adiante a moción do Partido Popular sobre o mal estado dos camiños do Carabuchal, Carballal Lesteira e Bidueiro, instando á empresa executora e á dirección de obra a asumir responsabilidades e a executar as reparacións necesarias.

O Pleno aprobou igualmente a moción do BNG de apoio ás reivindicacións do sector agrogandeiro galego, centrada na defensa do medio rural, na garantía de prezos xustos e na protección fronte aos efectos dos acordos comerciais internacionais.

Tamén recibiu apoio a moción do Partido Popular de respaldo ao deporte base e aos clubs deportivos locais e, por unanimidade, a moción do BNG que insta ao Instituto Galego de Vivenda e Solo a executar unha actuación integral nas Vivendas de Promoción Pública de Telleira nº 3, co obxectivo de mellorar as condicións habitacionais e os servizos nas instalacións.

Outra das iniciativas apoiadas por todos os grupos municipais foi a moción do PSdeG-PSOE para a instalación de aseos públicos na Praza da Gándara e na Praza da Constitución, coa elaboración dun informe técnico previo e a correspondente dotación orzamentaria.

Por último, o Pleno deu o seu visto bo á modificación da ordenanza número 13 reguladora da taxa por utilización de instalacións deportivas.

Lea también

Preinscrición aberta en accións formativas do Sistema de FP de grao C para desempregados

O Concello de Narón vai solicitar á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración o financiamento …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *