CPEIG e Xunta de Galicia convocan o X concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos

O CPEIG e a Xunta de Galicia convocan o décimo concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos. O certame está dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º a 4º de ESO, que poderá presentar os traballos ata o 28 de febreiro. O obxecto é que tomen conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, convocan o X Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos con motivo do Día Europeo da Protección de Datos, que se conmemora o 28 de xaneiro. O certame está dirixido a nenos de 5º e 6º de Primaria e  alumnos de 1º a 4º de ESO.

Ambas as dúas institucións consideran de moita importancia que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade. Sinalan que actualmente cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.

Os estudantes poderán presentar ao certame diversos xéneros literarios como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blog ou artigo de divulgación), conto ou relato curto, todos obras inéditas escritas en lingua galega. Estes traballos deberán responder a preguntas como “Que é para ti a protección de datos, como afecta no teu día a día?, como podo protexer os meus datos?”. Os textos de referencia serán o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional http://www.edu.xunta.gal/portal/Educonvives.gal e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos www.agpd.es.

Os traballos deberán presentarse en formato dixital en PDF, cunha extensión de entre 1.000 e 2.000 palabras para as categorías de 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO, e de entre 800 e 1.000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe. O prazo para presentalos estará aberto ata as 15:00 horas do 28 de febreiro. As persoas titoras enviarán os traballos do seu alumnado ao correo electrónico premioliterario@cpeig.gal.

Haberá un premio para a categoría de 5º e 6º de primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO, e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Ademais, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización.

O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocadoras, daranse a coñecer no mes de marzo. Pódense consultar as bases da convocatoria nas páxinas web das institucións convocadoras http://www.cpeig.gal e http://www.edu.xunta.gal/portal/

Contornas escolares saudables

A colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia enmárcase dentro da aposta da Xunta de Galicia para blindar as contornas escolares saudables e, para iso, é necesario que os estudantes aprendan a identificar os riscos e ameazas do emprego das tecnoloxías e se conciencien no seu uso seguro e responsable. A este obxectivo responde o Plan integral de benestar dixital que vén de poñerse en marcha con máis de medio cento de acción concretas, entre elas, traballar da man das empresas tecnolóxicas e das distintas entidades, como o CPEIG, para a sensibilización no emprego axeitado das ferramentas dixitais no eido escolar e na mellora da seguridade e a privacidade das mesmas.

Lea también

Más de 1.500 escolares participarán en Ferrol en la celebración del 300 aniversario del Ferrol Ilustrado

Más de 1.500 escolares de la ciudad participarán el próximo viernes 8 de mayo en …