A Deputación da Coruña iniciou a súa participación en Madrid Fusión 2026 cunha intensa primeira xornada de actividade no seu espazo expositivo do pavillón 14 de IFEMA e ao redor do lema ‘A paisaxe que sabe’. Os grandes protagonistas foron os produtos «de primeira calidade» da provincia, «tratados co máximo mimo e coñecementos por profesionais expertos», subliñou o vicepresidente, Xosé Regueira.

O tamén deputado de Promoción Económica destacou a importancia de manter a presenza por cuarto ano consecutivo neste evento, o maior escaparate profesional do Estado, onde está presente o conxunto da cadea de valor da gastronomía da provincia da Coruña.
Ao longo do día sucedéronse presentacións e degustacións que permitiron afondar na calidade, orixe e usos dos distintos produtos, tanto do mar como da terra. A expectación ante algunhas das actividades ou propostas foi notábel, incluso formándose importantes ringleiras de persoas nalgúns momentos.
A xornada abriu coa presentación das Gallegas de Nata da Coruña e continuou coa Fabada Galaica de La Despensa D’Lujo de Coristanco, elaborada con compango de porco celta e acompañada, na súa suxestión de presentación, de pan de broa de millo corvo. Esta combinación serviu para achegar física e gastronomicamente dous alimentos tradicionalmente vinculados tamén no cultivo, xa que a planta da faba trepa polo millo.
Outro dos momentos destacados foi a presentación da ventresca de bonito do norte da Conserveira, elaborada con manteiga de Galmesán. Desde ambas empresas salientouse a súa relación de colaboración ao longo de anos, así como o uso neste prato dun subproduto da elaboración do queixo ao que se lle dá valor e un novo aproveitamento culinario.

A cociña en directo tivo un papel central coa dobre participación de Fabián Mouzo e Lara Alvarellos, do restaurante O Camiño Fala de Mazaricos, que elaborou callos ao estilo de Carnés e albóndegas de atún en salsa verde. Na primeira das súas demostracións, as longa ringleira de persoas dispostas a probar o prato acabaron en poucos minutos coas racións dispoñíbeis.
Mouzo e Alvarellos reivindicaron a cociña tradicional, «de avoa», para tratar os «excelentes produtos» desta terra, ao tepmo que cualificaron a riqueza do Atlántico como unha auténtica despensa «de luxo».
A seguir, relatorio e cata a cargo do catador e formador Alejandro Paadín, centrados na Indicación Xeográfica Protexida Betanzos. Paadín abordou o concepto de terroir, entendido como a interacción entre clima, solo, variedades e cultura, aplicado ao territorio da Reserva de Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e repasou a traxectoria dos viños de Betanzos, algúns deles recoñecidos con diversas distincións. A actividade incluíu a degustación dunha selección de viños que exemplifican o bo facer vitivinícola da zona.

A xornada pechará esta tarde coa presentación e degustación dos produtos de Chichalovers de Santiago de Compostela, nun primeiro día de feira marcado pola actividade continuada e pola diversidade de propostas gastronómicas.
A programación da Deputación da Coruña continuará o martes e o mércores con novas demostracións culinarias, relatorios e presentacións dentro da súa estratexia de promoción turística e económica baseada no produto, no talento profesional e no territorio.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.