
Medicina
O vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas, e a directora do Centro de Bioética, Saúde e Sociedade no Wake Forest College, en Carolina do Norte, Ana Lucía Smith Iltis, inauguraron, este xoves 12 de marzo, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, as Xornadas sobre Filosofía da Medicina. Un evento organizado polo Centro de Investigación en Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía (CIFCYT) da Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Sociedad de Lógica, Metodología y Filosofía de la Ciencia en España, baixo a coordinación do catedrático de Lóxica e Filosofía da Ciencia e profesor da Facultade de
Humanidades e Documentación, Wenceslao J. González.
Na súa intervención, o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas, indicou que a filosofía da medicina é “unha necesidade intelectual e social” ao tempo que subliñou que “desde a Universidade da Coruña (UDC) entendemos que non pode haber boa medicina sen boa unha ciencia pero, tampouco sen unha boa reflexión sobre os seus fundamentos, os seus límites e as súas consecuencias”.
Pola súa banda, o coordinador da Xornadas sobre Filosofía da Medicina, o catedrático de Lóxica e Filosofía da Ciencia, Wenceslao J. González, avanzou que, ao longo destes días, analizarán o papel da Intelixencia Artificial no diagnóstico médico, na investigación médica e na práctica hospitalaria, afondando na denominada nova medicina e no campo da Bioética Médica.
Persoas expertas procedentes de Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, México e de España
Entre os relatores convidados a participar nestas xornadas, este xoves 12, e o venres 13 de marzo, figura a directora do Centro de Bioética, Saúde e Sociedade no Wake Forest College, en Carolina do Norte, Ana Lucía Smith Iltis; a catedrática da Universidad Nacional Autónoma de México (UNAM) e membro da Academia Internacional de Filosofía das Ciencias (AIPS), Atocha Aliseda; e o profesor asociado do Departamento de Filosofía na University of Utah, nos Estados Unidos, ademais de editor asociado do British Journal for Philosophy of Science, Jonah N. Schupbach.
No programa desta edición atopamos tamén ao catedrático de Filosofía na University of Liverpool, en Reino Unido, Thomas Schramme; ao catedrático da Universitat Abat Oliba CEU de Barcelona e especialista en temas de Bioética, Aquilino Cayuela Cayuela; e ao profesor do Departamento de Historia e Filosofía da Ciencia (HPS) da University of Pittsburgh, nos Estados Unidos, e investigador no eido da Bioética e do Dereito da Saúde, Jonathan Fuller.
Ao longo da xornada deste xoves, presentanse tamén dúas comunicacións. A primeira leva por título “La Música como Herramienta Terapéutica: Metodología general e implementación en Oncohematología”, presentado polo hematólogo do Hospital Clínic Barcelona, Aberto Lázaro. A segunda, “Análisis del Enfoque Popperiano acerca de la Medicina: La Importancia de la Actitud Crítica y los Criterios Éticos”, defendida polo membro da Universidad Autónoma de Madrid (UAM), Raúl López.
Entre o público asistente, alumnado da Universidade da Coruña, integrantes da ONG Ayuda en Acción ou persoal sanitario do SERGAS
As Xornadas sobre Filosofía da Medicina reúnen, este xoves 12 e venres 13 de marzo, a 50 participantes, na súa inmensa maioría, alumnado dos programas de doutoramento en Novas Perspectivas en Documentación, Comunicación e Humanidades e do de Lóxica e Filosofía da Ciencia da Universidade da Coruña (UDC). Tamén se inscribiu neste evento, estudantado do grao en Xestión Dixital de Información e Documentación e do grao en Relacións Internacionais, ambos os dous títulos vinculados á Facultade de Humanidades e Documentación do
Campus Industrial de Ferrol.
Completa esta listaxe, profesorado e persoal investigador da Universidad Europea de Madrid, da Universidad de Valladolid ou da Universidade de Santiago de Compostela (USC), entre outros, así como integrantes da ONG
internacional Ayuda en Acción ou persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
