A Sala de Exposicións do Centro Cultural Universitario do Campus Industrial de Ferrol acolleu este venres o acto de inauguración da mostra “As primeiras profesoras da UCM”, unha proposta divulgativa impulsada pola Delegación do Reitor para a Igualdade da Universidad Complutense de Madrid (UCM) que quere lembrar ás primeiras mulleres en incorporárense á carreira docente e investigadora na que é a universidade pública máis antiga de Madrid.
A exposición componse de 47 paneis e poderá visitarse, de xeito totalmente gratuíto, ata o 20 de febreiro (de luns a venres, de 10:00 a 20:00 horas).
O acto contou coa participación, en representación da Universidade da Coruña (UDC), da vicerreitora de Igualdade e Diversidade, Cristina López, da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e da
subdirectora da Oficina de Igualdade, María José Abad. Por parte da Universidad Complutense de Madrid (UCM) asistiron a delegada do reitor para Igualdade, Isabel Tajahuerce, e a comisaria da exposición, a profesora da Facultad de Ciencias de la Información, Violeta Izquierdo. Tamén se achegou ata o Campus Industrial de Ferrol a concelleira de Igualdade, Muller, Familia, Infancia e Multiculturidade, Elvira Miramontes. Todas elas coincidiron en salientar a relevancia dunha mostra itinerante que honra a memoria daquelas mulleres que abriron o camiño na ensinanza superior española.
Esta exposición forma parte de Académ1cas_UCM, un proxecto de investigación e divulgación promovido desde a Unidad de Igualdad creado para recuperar e difundir a memoria das primeiras mulleres que exerceron a docencia na Universidad Complutense de Madrid (UCM), desde 1910 ata 1975.
Na mostra que agora acolle o Campus Industrial de Ferrol teñen un lugar de seu, ou o que é o mesmo, un póster propio con retratos e información biográfica, as galegas Emilia Pardo Bazán, Antonia Ferrín Moreiras, Jimena
Fernández de la Vega e María Paz Alonso Quijada.
A Universidade da Coruña, a segunda institución en acoller a mostra fóra da Comunidade de Madrid
A mostra “As primeiras profesoras da UCM” iniciaba o seu percorrido o 8 de marzo de 2021, coincidindo co Día Internacional da Muller, nas Facultades de Filosofía e Filoloxía da Complutense. Desde ese intre, foi exposta en case a totalidade dos seus centros docentes, así como na Semana de la Ciencia (2020), no Encuentro Internacional Feminista (2023), no Centro Cultural Margarita Nelken de Coslada (2023) ou nos Cursos de Verano de El Escorial
(2024).
Entre os meses de outubro e novembro de 2025, o Claustro Alto do Pazo de Fonseca, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela (USC), acollía esta mostra, converténdose no primeiro espazo, fóra da Comunidade de
Madrid, en facelo. Neste 2026, chega á Universidade da Coruña (UDC), concretamente ao Campus Industrial de Ferrol, da man Vicerreitoría de Igualdade e Diversidade, como un símbolo de alianza institucional para preservar a memoria dun grupo de mulleres pioneiras que coa súa voz e fitos fixeron posible a transformación da universidade en España.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

