As Pontes inicia as obras de mellora na rúa Anduriñas

O Concello das Pontes vén de iniciar as obras de mellora da pavimentación e dos servizos na rúa Anduriñas, así como os traballos de traslado da marquesiña á Rúa Camelias, logo da aprobación do correspondente expediente de licitación. Trátase dun proxecto cun investimento de 223.349 euros, financiado con cargo á Deputación da Coruña.

A actuación permitirá a renovación integral da calzada e das beirarrúas deste viario co obxectivo de mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria. Para iso, procederase á unificación da cota da rúa e á definición dun único sentido de circulación, habilitando espazo para estacionamento na marxe dereita en sentido da marcha.

As distintas zonas de circulación diferenciaranse mediante o uso de pavimentos específicos: empregarase baldosa de formigón prefabricado nas bandas laterais destinadas ao tránsito peonil e lastras de formigón na calzada central reservada ao tráfico rodado.

O proxecto inclúe tamén a renovación da actual rede unitaria de saneamento, que será substituída por unha rede separativa de augas residuais e pluviais, con colectores de PVC. Do mesmo xeito, renovarase a canalización do alumeado público municipal coa instalación de novas columnas e luminarias LED dispostas a tresbolillo, mellorando así a eficiencia enerxética e a iluminación da zona.

As obras complétanse coa instalación de novo mobiliario urbano, como bancos, papeleiras e xardineiras, e finalizarán coa reposición da sinalización viaria correspondente.

Desde o Concello das Pontes solicítase a colaboración da veciñanza durante o desenvolvemento dos traballos e agradécese a comprensión polas posibles molestias que poidan ocasionarse mentres duren as obras, que redundarán nunha mellora significativa da calidade urbana e dos servizos da zona.

Lea también

Ortigueira habilita la solicitud de tarjetas monedero del Programa Básico de Servicios Sociales

La cantidad de las ayudas en las tarjetas monedero variará entre 130 y 220 euros …