A Área da Lingua da Deputación da Coruña impulsa a creación dunha rede de grupos de conversa en galego

«A iniciativa nace coa vontade de crear espazos reais de uso do galego, pensados para persoas que coñecen o idioma pero que, por diferentes razóns, non o usan», explica a deputada de Lingua, Sol Agra. Os grupos de conversa están concibidos como espazos de uso do galego e non como clases de lingua, fomentando a práctica da conversa nun ambiente seguro e participativo.

A Biblioteca Provincial acolle a xornada de traballo ‘Falarmos Nós’, unha iniciativa impulsada pola Área de Lingua da Deputación de A Coruña coa que se pretende poñer en marcha unha rede provincial de grupos de conversa en galego. Trátase dun sistema interconectado de espazos que buscan fomentar o uso oral da lingua entre persoas que a coñecen pero non a empregan habitualmente, ben por falta de apoio no seu entorno social ou ben por seren persoas chegadas de fóra que aínda están en proceso de aprendizaxe.

A deputada de Lingua, Sol Agra, explica que os grupos de conversa son unha ferramenta «sinxela, pero moi poderosa, porque xeran contornas seguras nas que perder o medo a falar e recuperar a confianza no uso do galego, fóra de contextos formais ou académicos».

A xornada contou coa participación de quince persoas, que exercen como coordinadoras dos grupos de conversa, con dúas responsables por cada grupo. O proxecto prevé a creación de ata doce grupos, aínda que nesta primeira fase comezarán a funcionar sete, que servirán como punto de partida dunha rede que aspira a medrar progresivamente no conxunto da provincia.

A deputada de Lingua aclara que «os grupos de conversa están concibidos como espazos de uso do galego e non como clases de lingua. Non se impartirán contidos gramaticais nin lingüísticos, senón que se fomentará a práctica da conversa nun ambiente seguro e participativo».

Estes grupos están dirixidos tanto a persoas que saben falar galego pero non o usan de maneira habitual nas súas interaccións sociais como a persoas que se atopan nun proceso de adquisición da competencia oral e contan cunha boa capacidade de comprensión e de expresión básica. O obxectivo final é incrementar o uso da lingua galega nas relacións sociais cotiás, máis alá do propio ámbito do grupo de conversa.

A rede está aberta á participación de entidades da Administración pública local, como servizos de normalización lingüística ou bibliotecas municipais, así como entidades sociais, independentemente do seu ámbito de actuación.

Lea también

A Deputación convoca bolsas de investigación e artísticas, cun orzamento de preto de 0,5M€

A Deputación da Coruña publicou as bases das bolsas para apoiar á mocidade coruñesa na …