A Deputación da Coruña vén de convocar a V edición do Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais, un certame co que a institución provincial quere recoñecer e dar visibilidade ao importante traballo que desenvolven as entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia.
As bases desta nova edición, que conta cunha dotación económica total de 42.000 euros, establecen un total de seis categorías de premios, cunha dotación económica de 7.000 euros en cada unha delas. Cinco dos galardóns corresponderán á modalidade de proxectos, mentres que o sexto premiará a traxectoria dunha entidade polo seu compromiso sostido coa mellora do benestar social e a defensa dos dereitos da cidadanía.
Os proxectos poderán presentarse nas seguintes categorías: investigación científica en servizos sociais; iniciativas sociais no ámbito rural; persoas maiores; discapacidade e dependencia; familia, infancia e adolescencia; e inclusión social. O premio á traxectoria ten como obxectivo recoñecer o labor continuado dunha entidade social ao longo do tempo.
Poderán persentar a súa candidatura a estes premios todas aquelas entidades sen ánimo de lucro do ámbito dos servizos sociais que desenvolvan a súa actividade na provincia da Coruña e que estean inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, sinalou que “estes premios son unha forma de recoñecer o traballo imprescindible que realizan as entidades sociais, moitas veces de maneira silenciosa, para mellorar a vida das persoas máis vulnerables e construír unha sociedade mellor”.
Pola súa banda, a deputada de Política Social, Mar García Vidal, sublíñou que esta convocatoria “amosa o compromiso da institución cunhas políticas sociais de calidade, innovadoras e centradas nas persoas, apoiando iniciativas que contribúen a fortalecer o tecido social da provincia e dándolles apoio e visibilidade social”.
As entidades gañadoras da última edición dos premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais foron COGAMI, EAPN Galicia, FEGADEM, Asociación Raíña Paraíso, Fundación Meniños e Asociación Arraianas.
O prazo de presentación de candidaturas, xa aberto, remata o vindeiro 3 de febreiro de 2026, ás 14:00 horas, e a tramitación deberá realizarse exclusivamente por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación da Coruña.
As bases completas da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
