O CIMIX, Narón, intégrase na Rede Galega de Centros Museísticos

A Xunta de Galicia vén de notificar ao Concello de Narón a aprobación da solicitude municipal para a creación e cualificación do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia, que pasa así a integrarse oficialmente no Sistema galego de Centros Museísticos. O acordo foi adoptado polo Consello da Xunta na súa reunión do pasado 29 de decembro.
 
 
Esta integración supón o recoñecemento do Muíño de Xuvia como un espazo de referencia para a difusión e posta en valor do patrimonio industrial galego, incorporándose á rede de 96 centros museísticos recoñecidos na comunidade autónoma, entre os que se inclúen museos, coleccións rexistradas e centros de interpretación do patrimonio cultural, de acordo co establecido na Lei de Museos de Galicia 7/2021.
 
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, destacou a relevancia deste recoñecemento para o municipio. “O Muíño de Xuvia é unha das pezas patrimoniais máis singulares de Narón e da comarca, e a súa integración na Rede Galega de Centros Museísticos supón un paso máis na estratexia municipal de protección, recuperación e difusión do noso patrimonio histórico e etnográfico”, sinalou.
 
Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, explicou que “a notificación da Xunta vén avalar o proxecto impulsado polo Concello de Narón para recuperar e converter este antigo complexo fabril nun centro cultural aberto á cidadanía e aos visitantes”.
 
Segundo indicou, a inclusión no sistema galego “permite reforzar a visibilidade do Muíño de Xuvia e facilita o acceso a convocatorias de axudas específicas para museos, ademais de garantir uns estándares de calidade nas instalacións e na programación”. O acordo da Xunta certifica que o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia cumpre cos requisitos esixidos en canto a instalacións, seguridade, horarios de apertura e plan museolóxico, o documento que define os programas organizativos, expositivos e de difusión do centro.
 
O equipamento permite realizar un percorrido polo contexto histórico dos muíños hidráulicos e pola súa importancia no proceso de industrialización en Galicia, especialmente desde a Ilustración, a través de maquetas, réplicas, escenografías, pantallas táctiles, textos explicativos e material gráfico. O proxecto museográfico distribúese por varios espazos do complexo, incluíndo a sala dos muíños, que conserva as estruturas industriais orixinais.
 
O Centro de Interpretación dos Muíños de Xuvia localízase nun antigo complexo fabril do século XVIII construído en 1775 polo empresario francés Juan Lestache sobre o río Xuvia, na aldea de San Roque, nunha contorna de gran valor paisaxístico. O conxunto foi rehabilitado polo Concello de Narón para o seu uso cultural, incorporando tamén espazos dedicados á figura do seu creador e ao papel dos empresarios franceses asentados na comarca.

Lea también

El complejo deportivo Javier Gómez Noya de Caranza será reformado con 525.000 euros dentro de la ‘Cidade do Deporte’

La junta de gobierno local ha dado luz verde este lunes al proyecto de mejora …