As Pontes aforrará 124.500€ anuais no subministro eléctrico grazas a contratación centralizada da FEMP

O Concello das Pontes vén de adxudicar o contrato de subministración de enerxía eléctrica das instalacións municipais á empresa IBERDROLA Clientes S.A.U, unha actuación que permitirá ao Consistorio reducir en máis de 124.000 eurosç o gasto anual en electricidade.

Fuente Concello As Pontes

O contrato, tramitado a través do Acordo Marco da Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), terá unha duración inicial dun ano e un custo de 565.948,46 euros (IVE incluído).

Esta cifra supón un aforro significativo se se compara co gasto real en electricidade rexistrado no ano 2025, que ascendeu a 690.474,57 euros, segundo os datos dos servizos técnicos municipais.

O contrato formalízase a prezo fixo, cunha vixencia dun ano, o que garante a estabilidade do custo do subministro durante todo o período, sen posibilidade de revisión nin prórroga, conforme ao establecido nos pregos do acordo marco.

Esta contratación enmárcase no sistema de compra centralizada da FEMP, ao que o Concello das Pontes está adherido desde o ano 2020.

En palabras de Tania Pardo, responsable de contratación, “a licitación do subministro eléctrico municipal é un proceso complexo que require meses de tramitación. Tras un estudo comparativo das condicións ofrecidas polas empresas do mercado, e analizado o concurso nacional impulsado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), optamos por sumarnos a este acordo marco que permite ás entidades locais acceder a prezos máis competitivos e simplificar os procedementos administrativos, garantindo ao mesmo tempo a transparencia na contratación pública”.

Para esta licitación, o Concello cursou en setembro de 2025 a invitación ás empresas adxudicatarias do acordo marco, establecendo como único criterio de adxudicación o prezo, calculado en función dos consumos anuais estimados.

Con este novo contrato, o Concello das Pontes reforza a súa aposta por unha xestión eficiente e responsable dos recursos económicos combinando seguridade xurídica transparencia nos procesos de contratación co aforro económico, “empregando eses cartos que se utilizaban para o subministro eléctrico noutros servizos públicos e necesidades do municipio”, remarca Tania Pardo.

Lea también

Neda acolle unha competición de boccia impulsada pola ASCM

Neda programa este venres, 19 de xuño, unha competición oficial de boccia, deporte paralímpico de …