Neda presenta o cartel do seu I Ciclo de Teatro Afeccionado

O Concello de Neda pon en marcha o seu I Ciclo de Teatro Afeccionado. Toda unha aposta polas artes escénicas, e sobre todo, polas compañías non profesionais que fan do teatro a súa paixón. Arrinca xa, esta mesma semana, e a Administración local avanza o cartel do programa, que se desenvolverá todos os sábados ata a primeira fin de semana de febreiro.

Todas as funcións comezarán ás 20 horas na casa da cultura, e as entradas poderán reservarse chamando á Biblioteca Municipal (981 39 02 33) dende o martes precedente ao espectáculo. O custe é de 2 euros -e poderá abonarse o mesmo día da función-.

O grupo coruñés Noite Bohemia inaugurará o calendario este sábado 17 coa representación de “Bacantes”. Tomará o relevo o grupo ferrolán Opaí Teatro coa súa obra “A mala estrela” (24 de xaneiro), á que seguirá o grupo pontés O Catre Teatro con “Paripé O Cabaré” (31 de xaneiro), e pechando, o grupo ferrolán Teatro do Asteleiro e “O caso do cadáver asasinado” (7 de febreiro).

Esta nova iniciativa, que nace con vocación de continuidade, súmase ao ciclo “Tempo para o Teatro” que a finais de ano celebra o Concello de Neda dende 2003, así como ás clases de interpretación da Escola Municipal de Teatro que promove durante o curso a Administración local tanto para o público adulto como para o infantil.

 

Lea también

489 Aniversario de la Infantería de Marina. Interesante conferencia en Ferrol sobre los Tercios Españoles

(Gráficas Galicia Ártabra)Dentro de los actos de la celebraciòn de 489 aniversario de la Infantería …