Narón entrega paraugas á Asociación de Comerciantes para apoiar o comercio local nas rebaixas

O Concello de Narón fixo entrega dun novo material promocional destinado a apoiar o comercio local de proximidade coincidindo coa tempada de rebaixas.
 
 
 
A concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, entregou paraugas co lema da campaña “Merca en Narón. Facemos cidade” á presidenta da Asociación de Comerciantes de Narón (ACN), Choly Díaz, e á secretaria da entidade, Laura Rodríguez.
 
A edil explicou que esta iniciativa busca reforzar as compras no comercio de rúa, poñendo en valor a proximidade e a atención personalizada que ofrecen os establecementos locais. “Trátase dunha acción simbólica para lembrar que o comercio local está aí todos os días, tamén cando chove, ofrecendo cercanía e atención personalizada”, sinalou Ameneiro.
 
Os paraugas serán distribuídos entre os establecementos asociados á ACN, que poderán entregalos á súa clientela como agasallo promocional durante as rebaixas, contribuíndo así a dinamizar as vendas e a fidelizar as persoas consumidoras. Desde o Concello inciden en que este tipo de campañas forman parte da estratexia municipal de apoio continuado ao comercio local, un sector clave para a economía de Narón e para a vida social e urbana da cidade.
 
A Asociación de Comerciantes valorou positivamente a iniciativa e agradeceu a colaboración do Concello no impulso de accións que favorecen a visibilidade e a competitividade do comercio de proximidade.

Lea también

El Club de Golf Campomar acoge la ‘Ruta do Viño 2026’

El Club de Golf Campomar acogió esta semana la primera prueba del circuito de La …